Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Os festexos desenvolveranse entre os días 14 e 17 na praza do concello e en Olonne sur Mer // O prato forte da cita será a actuación da orquestra Panorama, prevista para o martes 16 // Haberá propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas destinadas a públicos de todas as idades TEXTO Claudina Estévez

A Laracha conta as horas para a festa

A Laracha está de celebración do 14 ao 17 deste mes e ademais faino cun cartel de primeira. Haberá dous escenarios principais nos que se desenvolverán os eventos, a praza do concello acollerá as sesións vermú e a praza Olonne sur Mer, a maior parte das actividades das tardes e tamén as verbenas nocturnas.

As festas comezarán o domingo 14 pola tarde co concerto infantil Uxía Lambona e a Banda Molona a cargo de Astronauta Sideral, ás 19.00 horas na praza do concello. Pola noite a verbena será amenizada pola orquestra Finisterre.

O luns 15, o día grande das Festas, o pasarrúas será a cargo da banda de gaitas Os Viqueiras de Ordes. Pola tarde, desde as 18.00 horas, celebrarase unha nova edición do trofeo de fútbol Concello da Laracha no campo municipal que, como é tradicional, será en formato triangular e participarán o Laracha CF, a UD Paiosaco e o Club do Mar de Caión, servindo tamén o torneo como preparación na pretemporada dos tres conxuntos. Ás 20.00 horas a Asociación Cultural Santa María de Torás ofrecerá unha actuación na praza Olonne sur Mer. Pecharase a xornada coa verbena a cargo da orquestra Compostela.

O martes 16 o pasarrúas do mediodía virá coa Agrupación Musical Nuestra Señora del Nordés. Ás 13.00 horas sairá a procesión desde a igrexa parroquial ata a capela de San Roque e San Antonio, onde se oficiará unha misa solemne. Pola tarde, ás 19.00 horas, Somos Circo realizará o seu espectáculo de acrobacia aérea Desastronauts. E a xornada rematará co prato forte do cartel: a verbena coa orquestra Panorama. Falar de Panorama implica facelo dunha das agrupacións con máis historia e fama da verbena galega. Naceu o 25 de decembro de 1988 e o seu nome débese a un programa da TVG que existía por aquelas datas. Esta banda fundouna Ángel Martínez Pérez (Lito), que sen saber nada de música, coñecía as claves do éxito no sector. Nesa época comezou con oito integrantes masculinos (el nunca formou parte dos compoñentes do grupo), cunha furgoneta Mercedes 406 e un equipo de son de 500 vatios. Hoxe día non hai galego que non a coñeza, e sempre se converte nun dos espectáculos máis aclamados das festas nas que actúa.

O mércores 17 a Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco encargarase do pasarrúas. Pola tarde, desde as 17.00 horas, a praza Olonne sur Mer acollerá o Día do Neno con diversidade de xogos para os máis pequenos. E á noite porase o punto e final ás festas cunha verbena a cargo da orquestra Fania Blanco Show. No descanso haberá un espectáculo de fogos artificiais.

Os festexos contan, polo tanto, con orquestras de primeiro nivel e tamén con propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas para o desfrute de todos os públicos. A celebración non sería posible sen o esforzo da comisión de festas, do Concello así como dos veciños da parroquia de Torás, locais de hostalería, establecementos comerciais e empresas colaboradoras.

Sen dúbida, A Laracha decidiu celebrar as festas neste verán no que volven á normalidade por todo o alto. E con moitas gañas.

12 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.