Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Laracha quere incluír na Vía Verde o tramo da antiga vía de ferrocarril

Pretende poñer en valor a súa importancia histórica e crear novos espazos de mobilidade

A Laracha. A Corporación larachesa acordou, por unanimidade, solicitar á Deputación da Coruña a inclusión no proxecto da Vía Verde do tramo de 4,1 km da antiga vía de ferrocarril Santiago-A Coruña que discorre polo termo municipal da Laracha, entre Boedo e Meirama.

O obxectivó é poñer en valor a súa importancia histórica e, ao mesmo tempo, crear novos espazos que favorezan a mobilidade sostible, incrementen as oportunidades de practicar actividade física para potenciar os estilos de vida saudables e reforzar o potencial turístico local.

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que o tramo está dividido en dous sectores, sendo un deles en superficie de 2,3 km e outro de 1,8 km polo túnel máis longo do trazado da liña, polo que é especialmente singular.

Na sesión foron aprobadas tamén outras dúas mocións. Nunha delas acordouse rexeitar as declaracións do presidente da Deputación, Valentín González, sobre o funcionamento dos servizos sociais municipais e “instalo a retractarse e desculparse pola gravidade das acusacións ante o prexuízo que supoñen tanto para o prestixio do Concello da Laracha como para o funcionariado e persoal laboral adscrito ao departamento dos Servizos Sociais".

Por outra banda, a Corporación apoiou a creación, por parte da Xunta, do Observatorio de Igualdade do Sector Pesqueiro Galego que estude, analice e estableza diagnósticos e medidas que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas, prestando atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación.

Igualmente foi aprobada por unanimidade a proposta do grupo de goberno para destinar os fondos das diferentes partidas que percibirá o Concello neste ano 2023 con cargo ao Plan Único Concellos (POS+) da Deputación da Coruña. En total serán 693.967,85 euros divididos en tres achegas con diferentes finalidades: 237.708,23 euros destinaranse a investimentos, 353.233,18 serán para gasto corrente e 103.026,34 euros corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

Así, a cifra total para actuacións de investimento, engadindo a achega municipal de 82.998,08 euros, ascende a 320.706,31 euros. O proxecto de maior orzamento -215.000 euros- é a substitución do céspede artificial do campo de fútbol Municipal da Laracha. A outra intervención -106.000 euros- ten por fin a mellora dun tramo de 1,3 quilómetros de distancia da estrada municipal desde o Igrexario de Golmar (desde o cruce coa DP-2404) ata San Pantaión e que tamén dá acceso, por tanto, á parroquia de Soutullo por A Xesta.

Ademais, tamén quedou definido o Plan Complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2023. Neste caso o orzamento alcanza os 225.025,26 euros e inclúe actuacións de mellora da rede viaria na parroquia de Caión (estrada entre a DP-1909 e O Outeiro), Lendo (A Fontenla e Escurido), Lemaio (Estrada A Fraga-O Pereiro) e Erboedo (estrada entre A Fontenla e O Loureiro).

Co POS+ Adicional financiaranse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo deste ano relacionados co incremento do persoal adscrito aos servizos sociais municipais, a ampliación da dotación das partidas municipais destinadas á axuda de emerxencia a colectivos en risco de exclusión social e para medidas sociais para a atención de persoas vulnerables.

No pleno tamén se acordou por unanimidade nomear a María Inés López Zas como xuíza de paz substituta, tendo en conta os seus oito anos de antigüidade nese posto e que foi a única candidata que presentaba experiencia nesas funcións.

28 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.