Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta e os municipios da marxe dereita da ría de Arousa traballan xuntos para afrontar o abastecemento a unha poboación de preto de 93.000 habitantes // Impulsaranse actuacións de ampliación na potabilizadora de Padrón TEXTO C. Estévez

A lei de mellora do ciclo integral da auga xa entrou en acción

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou este mércores en Padrón que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que entrará en vigor este xoves, permitirá aos concellos blindar os seus sistemas de abastecemento fronte á seca con apoio da Xunta. Vázquez Mourelle, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo un encontro de traballo cos alcaldes e representantes dos dez concellos conectados ao sistema de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, un exemplo da xestión profesionalizada da auga que pode realizar a Xunta en apoio ás vilas.

A conselleira explicou que este é o único dos grandes sistemas de abastecemento que é xestionado pola Xunta porque así llo encomendaron aos concellos no ano 2004, en lugar de apostar por unha xestión mancomunada. Trátase dun sistema que serve auga a Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Catoira, Valga, Pontecesures e ao que está conectado tamén Vilagarcía de Arousa.

Na reunión, Xunta e concellos analizaron as fórmulas para estar mellor preparados e anticiparse para afrontar con maiores garantías o abastecemento aos case 93.000 habitantes destes municipios.

A conselleira lembrou que desde o mes de febreiro se mantén en “situación de seca prolongada” este sistema do río Ulla e da marxe dereita da ría de Arousa ao que pertencen estes dez municipios, aínda que nesta zona a situación non é especialmente preocupante, tendo en conta que o Ulla é o río máis caudaloso da demarcación de Galicia-Costa e non rexistrou un descenso abrupto no caudal.

A planta potabilizadora situada en Padrón, que explota a Xunta, é a que permite tratar a auga captada do río Ulla para abastecer estes municipios, ben como única fonte de abastecemento, ou ben como reforzo ás captacións propias que ten cada Concello.

A conselleira referiuse ao obxectivo da Xunta, común e compartido, de cara ao futuro, de impulsar actuacións de ampliación na potabilizadora de Padrón para blindar o abastecemento, o que permitirá tamén que o Concello de Vilagarcía, que está conectado ao sistema, poida usalo como reforzo. Vázquez puxo en valor que coa xestión deste sistema de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, a Xunta está a facilitar a coordinación no ámbito municipal e a reducir os custos do servizo, acadando maior profesionalización e eficiencia na prestación do abastecemento.

Lembrou que este cometido, axudar aos concellos na xestión dos servizos municipais da auga, tanto de abastecemento, como de saneamento e depuración, é o que tamén pretende a Xunta coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. A conselleira salientou que con esta lei a Xunta quere apoiar aos concellos na xestión dunhas competencias municipais que, dixo, “sabemos que son complexas e complicadas, mellorando os servizos que se lles prestan aos cidadáns e contribuíndo ao coidado dos nosos ríos e rías”, remarcou. É unha nova norma á que os concellos poderán adherirse de forma voluntaria. Isto suporá unha maior profesionalización e menores custos na xestión.

Emerxencia
Vertido de purín cerca do Tambre

··· Este mércores produciuse un vertido de purín próximo ao río Tambre. A chamada dun veciño ao número único de emerxencias activou todos os mecanismos de protección mediante as comunicacións por diferentes vías coas autoridades locais e tamén cos axentes de seguridade municipais co fin de aumentar a vixianza e a posta en marcha das medidas que cada Concello estime necesarias.

··· O vertido foi localizada no Rego do Souto, en Trazo, con desembocadura no río Tambre. O 112 Galicia remitiu sendos avisos aos concellos de Trazo, Santiago, Val do Dubra, A Baña, Ames, Brión, Outes, Noia e Negreira para que adopten as medidas de prevención necesarias, a pesar de que en moitos a subministración de agua non depende directamente do Tambre.

··· Nas primeiras inspeccións a mancha non chegara ó curso principal do Tambre.

{ A OLLADA }
Un recurso finito
Claudina Estévez

GALICIA está a sufrir unha situación de seca preocupante. Non se lembraba un ano coma este, no que as choivas apenas están a facer acto de presenza. E o problema afecta tamén a España e a toda Europa. Sen dúbida é unha situación que nos leva a todos a pensar na importancia de xestionar a auga, un recurso que no primeiro mundo ás veces pensamos que é infinito e ao que non lle damos a máis mínima importancia. E como adoita pasar, non nos damos conta do que temos ata que o perdemos. Agora cos problemas de escaseza é vital primar o aforro e a contención no consumo, así como apostar pola súa reutilización. É necesario que a cidadanía se conciencie, pero tamén as empresas e as administracións.

01 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.