Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Xunta concede axudas a 18 municipios coruñeses para que fagan os seus propios plans de acción para o clima e a enerxía sustentable // Elaborarán un inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e unha avaliación de riscos TEXTO Víctor Furelos

A loita polo cambio climático chega a mans dos concellos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, máis o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, informaron da resolución da orde de axudas para redactar plans de acción fronte ao cambio climático. O representante do Goberno galego informou que un total de 18 concellos coruñeses recibirán algo máis de 105.000 euros en axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para redactar cada un o seu propio Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (Paces), unha ferramenta de carácter técnico co obxectivo de avanzar na loita contra o cambio climático e o quecemento global en clave local.

Este é o segundo ano no que a Xunta lanza unha orde de axudas dirixida especificamente ás entidades locais adscritas ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía coa finalidade de axudalas na redacción dos seus respectivos plans de acción.

Concretamente, os municipios da provincia da Coruña que resultaron beneficiarios ao abeiro desta última convocatoria son, ademais do Pino, onde se celebrou o acto, Teo, Rianxo, Boiro, Frades, Arzúa, Mazaricos, Negreira, Outes, Irixoa, Neda, A Coruña, Valdoviño, Ares, Cariño, Cerceda, Ortigueira e Pontedeume.

Así mesmo, no conxunto de Galicia concedéronse 70 subvencións a outros tantos concellos por un importe de 337.000 €, atendéndose así o 100 % das solicitudes recibidas. Estes municipios súmanse aos 176 que están a traballar actualmente na elaboración do seu propio plan, de xeito que, a día de hoxe, pode dicirse que preto de 250 entidades locais galegas xa están comprometidas de forma activa na loita contra o cambio climático.

Un Paces consiste basicamente na elaboración dun inventario de referencia de emisións de gases de efecto invernadoiro e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Grazas a estas axudas da Xunta, os municipios poden afrontar o custo dos traballos de asistencia técnica necesarios para a súa elaboración.

Deste xeito, dáse cumprimento a un dos compromisos que asumen os concellos no momento da súa adhesión ao Pacto das Alcaldías, integrando a loita fronte ao cambio climático como unha das variables que deben estar presentes na definición das políticas locais, tanto para reducir as emisións e mellorar a eficiencia enerxética como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.

O citado Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía púxose en marcha no ano 2008 e na actualidade está considerado o maior movemento de carácter internacional para buscar sinerxias fronte ao cambio climático entre as distintas administracións, cunha mención especial ao labor dos concellos pola súa relación directa e próxima cos cidadáns.

No caso de Galicia, a Xunta asumiu en 2017 o papel de coordinadora do movemento na Comunidade desde a convicción de que os retos globais do cambio climático deben afrontarse tamén desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa que xa é eslogan: Pensa global, actúa local.

Na actualidade xa son 271 os concellos adheridos ao pacto, o que representa a unha poboación de preto de 2,2 millóns de galegos, unha boa mostra da acollida que está a ter este movemento en Galicia, sobre todo desde a creación da Oficina Técnica de Coordinación e Asesoramento aos Municipios no ano 2018.

O protagonista
“Un obxectivo é reducir as emisións de co2 un 40 %”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña

O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, é consciente da importancia destas axudas para que se poida loitar contra o cambio climático desde a administración máis próxima ós veciños. Trenor aclara que “os concellos adheridos ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía asumen como propios os obxectivos fixados pola UE de cara ao ano 2030, como reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40 %; mellorar a eficiencia enerxética nun 32,5 % e incrementar o uso de fontes de enerxía renovable un 32,5 %, traballando á súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable”. Haberá un seguimento dos plans dos concellos.

Gonzalo Trenor indica asimesmo que “para alcanzar estes obxectivos, os municipios adheridos ao pacto comprométense a redactar un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, nun prazo máximo de dous anos dende a data de adhesión. Este plan inclúe un inventario de referencia de emisións, unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Ademais, cada dous anos deberase presentar un informe de seguimento de dito plan de acción”.

{ cousas do demo }
Do papel ós feitos
Víctor Furelos

todas as axudas son benvidas, e máis cando teñen unha boa finalidade. Pero asinar un papel non ten nada que ver con que as cousas se fagan ben. Moitas das veces aquelas boas intencións iniciais pérdense polo camiño. Está moi ben que os concellos se sumen á loita contra o cambio climático, pero igual que son os máis próximos ós veciños, tamén son os máis próximos a quen contamina e prexudica o medioambiente, polo que a súa postura moitas veces será comprometida. Vai ser necesario que imiten ós cans cando se mollan, que se sacudan todo tipo de compromiso polo ben de todos e que dese xeito o que se plasme en papel chegue a ser unha realidade para poder arranxar o que entre todos estamos a estragar.

04 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.