Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A meteoroloxía e o clima de Galicia centrarán a terceira edición de A Luz da Ciencia

As aulas científicas xuntarán no dolmen de Dombate a expertos na materia // O contido estará dispoñible para o público a partir do día 10 de setembro

A terceira edición das aulas científicas A Luz da Ciencia abordarán a meteoroloxía e o clima dende o dolmen de Dombate, onde foi presentado este martes o contido, que estará accesible ó público en www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas.cientificas-2021 e www.cabana.gal/astronomiadombate e nas redes sociais da Deputación da Coruña e o Concello de Cabana a partir do día 10 de setembro.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, o alcalde de Cabana, José Muíño e o físico e catedrático da USC e director das aulas, Jorge Mira, explicaron que o público poderá coñecer a meteoroloxía desde diferentes prismas. Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, explicará como é Contar o tempo pola tele a través dunha sesión na que achegará o proceso de divulgación que se realiza desde un gran medio de comunicación autonómico.

Pola súa banda, Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afondará nas particularidades climáticas da nosa comunidade con De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia? Explicación dos numerosos microclimas galegos. Mabel Montes como Juan Taboada participarán nunha mesa redonda con Jorge Mira onde debaterán Como será a información meteorolóxica do futuro?.

Estas terceiras aulas científicas contarán tamén coa achega de Susana Bayo Besteiro, investigadora no EPhysLab da Universidade de Vigo e directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño e o xornal La Región, coa sesión A pelexa da ciencia contra o cambio climático. Xavier Fonseca Blanco, xornalista científico de La Voz de Galicia, aportará respostas na súa intervención: Está o tempo tolo? Non, a culpa é do Jet Stream.

Susana Bayo, Xavier Fonseca e Jorge Mira pecharán esta terceira edición da Luz da Ciencia cunha mesa redonda onde analizarán O cambio climático que nos vén enriba.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, destacou a importancia “dunhas xornadas que comezaron para quedarse en Cabana, na capital do megalitismo galego, unhas instalacións que se mellorarán proximamente para seguir poñendo en valor a nosa tradición e a nosa cultura”.

Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, agradeceu a colaboración de Jorge Mira e da Deputación da Coruña, “que facilitaron a creación dunhas xornadas que son referencia a nivel científico en todo o país”. “A súa programación vén ademais a complementar un calendario de actividades moi amplo que organizou a área de Cultura do Concello durante o verán e que continuará en setembro”, engadiu.

PRIMEIRO NIVEL. O director e coordinador das aulas científicas, Jorge Mira, explicou que “as xornadas volven reunir de novo a divulgadores e expertos do primeiro nivel e que contan ademais con experiencia diante das cámaras”. “É un verdadeiro luxo poder gozar dun evento así en aberto para todo o mundo”, concluíu.

Hai que lembrar que A Luz da Ciencia que se vén desenvolvendo dende o dolmen de Dombate son aulas científicas de carácter trimestral que se celebran en Cabana de Bergantiños e que teñen como obxectivo achegar a ciencia e a cultura á poboación a través dos propios investigadores.

31 ago 2021 / 16:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.