Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Mostra de Curtas de Noia recibiu 1.300 de 50 países

As setenta elixidas proxectaranse do 11 ó 22 de outubro // Este ano homenaxéase a Pedro Brandariz, que dá nome a un premio

O Coliseo Noela de Noia acolleu a presentación da XXIII Mostra de Curtas Vila de Noia, que se celebrará do 11 ó 22 de outubro e que renderá unha homenaxe póstuma ao actor, humorista e presentador Pedro Brandariz, recentemente falecido, pola súa aportación durante tantas edicións e que fixo que se convertise en alguén moi querido por toda a vila.

Na presentación participaron o concelleiro de Cultura, José Pérez, e dous dous organizadores da Mostra, Ignacio Carnota e Eli Monteagudo.

Este ano concederáselle a Brandariz un premio honorífico póstumo reservado a persoas especialmente relacionadas con este festival internacional. O certame, ademais, porá o seu nome á sección de curtas Galicia Amateur, que dende esta edición pasará a denominarse Premio Pedro Brandariz á Mellor Curta Galega Amateur, segundo dixo o edil.

A concesión deste galardón farase valorando globalmente o traballo, é dicir: o guión, a dirección, a montaxe, o ritmo e o tempo narrativo, a fotografía, a interpretación, etc.

Nesta distinción participarán aquelas curtas amateurs producidas en Galicia.

O cartel desta edición foi realizado polo ilustrador Santy Gutiérrez. Este ano recibíronse case mil trescentas curtametraxes procedentes de máis de cincuenta países, sendo preseleccionadas un total de setenta.

O comité de selección valorou todos os aspectos relacionados cos traballos: ideas, guión, dirección, realización, interpretación, estilo, montaxe e fotografía, valorando positivamente a calidade artística sobre a de produción.

A Mostra será presentada a vindeira semana na Academia das Artes e as Ciencias, en Madrid, nun acto ao que se convidará a varios directores, produtores e actores.

En canto aos premios, outorgaranse á Mellor Curtametraxe (dotado con 4.000 euros), á Mellor Dirección (700 euros), ó Mellor Guión (500 euros) e á Mellor Actriz (500 euros), ademais do Premio Xosé Manuel Olveira Pico ao Mellor Actor (500 euros), en todos os casos tamén con trofeo conmemorativo.

Asimesmo, haberá premios especiais á Mellor Curtametraxe de Animación (1.500 €), o Premio Especial do Público (1.168 €) e o Premio Pedro Brandariz á Mellor Curta Galega Amateur (300 €), tamén, con trofeo.

O Premio Especial do Público concederase  mediante a votación dos asistentes á Mostra á obra con maior promedio aritmético, resultante de dividir a puntuación total obtida en cada sesión entre o número de votantes.

10 sep 2022 / 13:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.