Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A nova biblioteca ribeirense terá xardín e paneis solares

Construirase un novo volume xemelgo do inmoble adquirido e farase un soto para o arquivo

Se todo sae segundo o previsto (e no tocante ós procesos administrativos cómpre deixar marxe ós imprevistos) Ribeira estreará a finais do vindeiro ano unha moderna biblioteca municipal. Ubicarase no inmoble adquirido polo Concello na rúa peonil, coñecido como Casa do Gran Sol, e a obra licitarase aproximadamente nun mes en algo máis dun millón de euros.

O proxecto técnico elaborado por Emilio Domínguez e Manuel Domínguez, de Oxil Arquitectura, prevé ampliar o inmoble de dúas plantas dándolle unha planta máis e construíndo ás súas costas outro edificio de similar volume, estética e características, unindo ambos bloques por un ascensor. Na zona posterior do solar acondicionarase un patio axardinado pechado duns 200 m2 que tamén prestará servizo á biblioteca.

O arquivo estará situado nun soto, baixo o xardín, e albergará non só os fondos da biblioteca (40.000 referencias a día de hoxe) senón tamén parte do arquivo municipal, o que permitiría liberar espazo nas dependencias que ocupa actualmente no consistorio e no complexo da Policía Local. A superficie total de actuación será de 800 m2.

A nova edificación incluirá zaguán, hall, recepción, despacho do bibliotecario, sala infantil, sala de prensa e informática, sala de traballos, dúas salas de silencio absoluto ou de estudo, tres aseos (un deles adaptado), patio, sala de limpeza, sala de instalacións e arquivo. Na busca da máxima eficiencia enerxética vaise dotar dunha envolvente térmica de dez centímetros de grosor, instalacións de baixo consumo, paneis solares fotovoltaicos (será a primeira instalación municipal que os teña) e un alxibe de pluviais que posibilitará recuperar e facer circular as augas grises.

O alcalde, Manuel Ruiz, adiantou que o Concello pretende seguir transformando e embelecendo a zona con novas actuacións na contorna.

Ruiz explicou que, ante o encarecemento dos materiais de obra, preténdese engadir vía remanente ó orzamento actual, de 893.000 €, unha cantidade que se pode aproximar ó IVE (180.000 €). Ademais, agarda que o importe que se produza na baixa da licitación sexa suficiente para custear o equipamento.

Tamén lembrou que se é posible sacar a contratación este proxecto é grazas ós acordos plenarios de aprobación do orzamento e de solicitude do crédito necesario.

07 abr 2022 / 19:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.