Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Iberdrola investirá no proxecto 40 millóns de euros // Permitirá integrar nunha mesma localización a produción e uso industrial de hidróxeno verde // Vanse crear 55 empregos directos // É unha aposta pola sostibilidade TEXTO C. Estévez

A planta de metanol en Caldas, un plan empresarial prioritario

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou este xoves a declaración como iniciativa empresarial prioritaria do proxecto de Iberdrola Clientes para impulsar unha planta de metanol renovable no municipio de Caldas de Reis. Unha iniciativa na que a compañía investirá arredor de corenta millóns de euros na procura de reducir as importacións galegas de metanol, substituíndoas por unha produción local sostible, ao tempo que dinamiza o tecido industrial local e fomenta a xeración de riqueza e emprego. Ademais, impulsarase a creación de 55 empregos directos, o 46 por cento vai ser emprego feminino.

Neste sentido, cómpre destacar tamén que a iniciativa presta especial atención á economía circular, dispondo dunha planta de tratamento que permitirá aproveitar os fluxos de augas residuais e reducir así a cantidade de auga bruta empregada no proceso industrial.

Esta declaración, aprobada no Consello da Xunta por petición do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Vicepresidencia Económica, enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa o que supón “vantaxes”, segundo salientou o presidente, quen explicou que “ademais de ter prioridade na tramitación, reduciranse a metade os prazos e terá a súa disposición o asesoramento da Oficina Doing Buisness da Xunta para todo o proceso”.

Deste xeito xa son 16 as Iniciativas Empresariais Prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Forestal del Atlántico (Mugardos), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas) e Green Umia (Caldas de Reis).

Neste marco, os investimentos totais programados polas empresas roldan os 760 millóns de euros e co compromiso de xerar en torno a 720 postos de traballo. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa, máis incentivos fiscais ás empresas, e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de obstáculos e barreiras á actividade empresarial.

En resumo, tal e como indicou o presidente da Xunta é unha solución pioneira que permitirá empregar o hidróxeno verde para producir metanol verde e reducir así a dependencia, que agora mesmo é forte, desta industria ubicada en Caldas das importacións. Este proxecto “consolida unha industria que xa existe alí e vai ter de aliado a Iberdrola en toda esta produción de hidróxeno verde e, polo tanto, seguimos avanzando nestes novos modos de produción máis respectuosos co medio ambiente”, recalcou.

O PROTAGONISTA
“É unha solución pioneira”
Alfonso Rueda
Presidente da Xunta de Galicia

Durante o Consello da Xunta, celebrado en San Caetano, este foi un dos temas abordados polo titular do Goberno galego. Ao respecto dixo que se trata “dunha noticia potente para Caldas de Reis e para toda Galicia”, valorou o titular do Executivo galego, quen explicou que para acadar este obxectivo, o proxecto denominado Green Umia, ofrece “unha solución pioneira” que permitirá empregar o hidróxeno verde para, xunto co dióxido de carbono das caldeiras de biomasa, “producir metanol verde, e reducir así a dependencia das importacións”, apuntou.

As previsións sitúanse na produción dunhas 2.900 toneladas anuais, que, entre outros

usos, serán empregadas para a fabricación de diversas colas, resinas e adhesivos. “Seguimos avanzando en novos modos de produción máis respectuosos co medio ambiente”, dixo.

{ A OLLADA }
Menos contaminante
Claudina Estévez

O desenvolvemento dunha planta de proceso de alta tecnoloxía permite reducir as importacións galegas de metanol, substituíndoas por unha produción local sostible. Dinamiza o tecido de industrias locais e o auxiliar químico, mecánico, metal, eléctrico e forestal, e asemade, crea emprego. Esta planta de metanol renovable en Caldas implica reforzar a posición do municipio como referente tecnolóxico en aproveitamento de hidróxeno verde. Hai que destacar que o metanol verde é menos contaminante que o seu análogo de orixe fósil e posúe múltiples aplicacións. Este obtense a partir de fontes de enerxía renovables, o que fai que a produción sexa máis sostible. E é que non precisa de fontes fósiles como pasa co tradicional.

23 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.