Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Participantes nun campus municipal coñeceron as traxectorias das mulleres que crearon un obradoiro de cerámica, unha conserveira e un estudo de decoración // Teñen asistencia técnica para darlle forma ós seus plans de empresa TEXTO Suso Souto

A Pobra apoia o emprendemento feminino con exitosos exemplos

Un grupo de mulleres emprendedoras e empresarias participaron nesta fin de semana no campus de emprendemento con perspectiva de xénero impulsado pola concellería da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal e que tamén contou coa presenza da concelleira deste departamento, Charo Varela.

A iniciativa comezou o venres cunha xuntanza no coworking municipal como punto de encontro entre as participantes, ademais da impartición dunha sesión teórica na cal se expuxo o proceso de emprendemento cunha contextualización previa sociocultural do papel que ocupaban as mulleres anos atrás, relegadas ao rol reprodutivo, mentres que os homes desempeñaban o rol produtivo.

Na xornada seguinte, a do sábado, desenvolveuse o traballo de campo coa visita a tres empresas de diversos sectores, que están lideradas por mulleres e que están radicadas na comarca do Barbanza.

A primeira parada foi a conserveira Alma Galega, na parroquia de Castiñeiras, en Ribeira. As súas xerentes, Ana e Marta, explicaron que, actualmente, xa exportan a países como a Alemaña ou Bélxica dende a posta en marcha do seu negocio en 2020. Especializadas na conserva artesá, na que os produtos do mar son a estrela, diversificaron a súa oferta e no seu catálogo tamén figura a venda de castañas asadas, mel ou marmeladas, entre outros.

Deseguido, as participantes nesta iniciativa puideron visitar o obradoiro cerámico rural Raposiñas, situado no lugar da Lomba, na Pobra do Caramiñal. Da man de Loaira, coñeceron todas as fases polas cales se pasa ata conseguir as pezas definitivas que contan coa distinción de Artesanía de Galicia: dende o deseño e a modelaxe ata a esmaltaxe producida por ela mesma.

E, finalmente, as asistentes desfrutaron dun xantar no restaurante Sisal, que se atopa na planta superior do mercado municipal pobrense, en pleno núcleo urbano. Tras a comida, recibiron a visita de Nora e Elena, de En las nubes, un estudio con sede en Boiro que se encargou da decoración do referido local hostaleiro. Elas iniciaron o seu proxecto mediante unha páxina web e, co paso do tempo, foi medrando, ata decidiren coller un espazo físico, onde tamén venden papel pintado, teas, iluminación e mobiliario a pequena escala.

Cofinanciado pola Deputación da Coruña, a finalidade deste campus de emprendemento feminino foi crear redes entre as asistentes e empresarias.

Ademais, as emprendedoras teñen a oportunidade de recibir titorías para traballar o seu perfil, analizar as ideas de negocio e mesmo solicitar espazo no coworking pobrense para traballar sobre os seus plans de empresa e a súa viabilidade.

A mediados do pasado mes de febreiro, o coworking local pasou a integrarse na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. O centro conta actualmente con cinco iniciativas activas, polo que o executivo local apostou por apoiar a xestión das mesmas a través dunha asistencia técnica, fomentar o espírito emprendedor e dinamizar este espazo municipal.

Así, a empresa Promove encárgase da asistencia técnica ofrecendo un enfoque integral das distintas actividades. Deste xeito, ofrece apoio ás e ós coworkers, tanto a aquelas/es que se atopan agora en fase de preincubación (é dicir, aquelas persoas que aínda se atopan inmersas no proceso de maduración do negocio, polo cal non están dadas de alta como autónomas) como a aquelas persoas que xa están dadas de alta e que encaran os tres primeiros anos de consolidación no mercado.

delegribeira@elcorreogallego.es

08 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.