Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra programa no Teatro Elma tres espectáculos e a proxección de dúas películas

Todas as funcións serán ás sete da tarde, con entrada gratuíta // A primeira cita é este domingo con ‘Botando a lingua a pastar’

O Concello da Pobra comeza o presente ano configurando xa o calendario de actividades culturais para os meses de xaneiro e febreiro, onde o cine e a comedia serán os protagonistas. Trátase de cinco propostas dirixidas a maiores de 14 anos que transcorrerán no Teatro Elma, todas elas en domingo e ás 19.00 horas.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, apuntou que con este ciclo búscase ofrecer unha alternativa de ocio á veciñanza, así como contribuír “á posta en valor da cultura galega.” Pola súa parte, a técnica municipal desa área, Fita Sanisidro, dixo que as entradas son de balde e as reservas formalizaranse na casa da cultura ou a través do número de teléfono 981 831 545.

A primeira das citas culturais será o día 16 de xaneiro con Botando a lingua a pastar, da man de Cándido Pazó.

Trátase dun espectáculo que mestura contos da tradición oral con historias de creación propia no que se van engarzando comentarios relacionados coa lingua galega (curiosidades, uso, normalización e perspectivas), sempre co humor e a empatía como mecanismo de conexión directa cos espectadores.

O día 23 de xaneiro será a quenda de Dinamo Producións con Por vía oral, un espectáculo protagonizado por Pedro Brandariz e Ángela Triana que analiza o sistema sanitario actual dende un punto de vista humorístico.

Culturactiva Producións recalará o día 30 con Dous no camiño, que pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas.

Nesta montaxe revísanse tres das máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés; a da Barca de Pedra de Muxía; e da translatio do Apóstolo Santiago a Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas e con total respecto.

Xa o mes de febreiro focalizarase nas longametraxes, presentando dúas das premiadas nos Mestre Mateo do pasado ano. O día 6 proxectarase Ons, dirixida por Alfonso Zarauza e cun reparto composto por Melania Cruz, Antonio Durán, Xulio Abonjo, Anaël Snoek e Marta Lado.

A sinopse expón que dúas das personaxes, Vicente e Mariña, chegan para pasar o verán na illa de Ons: el vén dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas, e a viaxe será un bálsamo para o seu matrimonio. A estancia prolóngase a petición del, e a medida que os días se tornan borrascosos, os segredos gardados comezan a aflorar.

Finalmente, o ciclo pecharase co filme A illa das mentiras o día 13 de febreiro, inspirada no afundimento do buque Santa Isabel fronte á illa de Sávora no ano 1921.

13 ene 2022 / 14:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.