Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra vai enxalzar o seu vínculo co mundo mariño durante a Semana do Mar

Desenvolverase do 8 ao 15 deste mes // O programa inclúe un mercado, unha andaina guiada polos Areos e unha exposición

O mes de xullo estará marcado pola exaltación da relación da Pobra do Caramiñal co eido marítimo dende distintos ámbitos con motivo dunha nova convocatoria da Semana do Mar impulsada pola concellaría do Turismo. Para tal fin, deseñouse un amplo e atractivo programa integrado por diversas actividades que foron presentadas pola concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, e a técnica municipal de Turismo, Sara Sánchez.

Esta axenda iniciarase o vindeiro día 8 co mercado mariñeiro, que se estenderá ata o 10. Instalarase nos Xardíns de Valle-Inclán e estará composto por unha trintena de postos de diversa índole.

A partir das 21.00 horas do domingo 10, o Cantón da Leña converterase nun particular escenario no que Eiradela representará Xentes do mar, un espectáculo que une o folclore galego coa narración dos oficios, tradición e costumes das persoas vinculadas ao mundo mariño de finais do século XIX e principios do XX.

Na xornada seguinte, 11 de xullo, porase o foco nun deporte con forte arraigo na vila: o remo. Visitaranse así as instalacións do Club de Remo Puebla. O punto de encontro será a oficina do turismo, situada no parque do Castelo, a partir das 11.15 horas.

O momento de experimentar o marisqueo a pé chegará o martes día 12 cunha xornada de turismo mariñeiro que se desenvolverá na praia dos Raposiños, con saída establecida dende a oficina do turismo ás 11.00 horas.

Como viaxe ao pasado da salgadura, o mércores 13 será a quenda de achegarse á antiga fábrica da Laxe, en Cabío, xunto con José Manuel Vázquez Lijó, que dará comezo ás 20.30 horas.

O repaso pola historia manufactureira do municipio continuará o 14 de xullo cunha andaina guiada polos Areos, tamén a cargo de José Manuel Vázquez Lijó, para descubrir o barrio industrial que alí se localizaba antano. Partirase dende as proximidades da escultura da Pescantina, a partir das 20.30 horas.

E, como broche final, a Casa Mariñeira albergará o 15 de xullo a inauguración da exposición A vila pobrense, as súas xentes e... o mar, ás 21.00 horas. Dita mostra poderá visitarse ata finais de mes no horario habitual da oficina e estará composta por instantáneas, tanto antigas coma contemporáneas, que foron aportadas pola veciñanza.

Agás para o mercado mariñeiro e a estrea da exhibición fotográfica, as actividades están suxeitas a grupos limitados e requiren inscrición previa chamando ó 981 843 280.

04 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.