Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Pobra vai pór un equipo de expertos ó servizo de maiores e nenos en contornos de risco

Educadores e psicólogos traballarán no propio eido familiar cas persoas que teñen adicións, traumas ou problemas de conduta

De que serve programar accións formativas que busquen a inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade se as súas circunstancias non lles permiten despois desenvolverse con normalidade no traballo?

Esa é a realidade que hai detrás de moitas persoas. Unhas arrastran problemas de adicións; outras, de saúde mental, de conduta social...

E que ocorre cando, ademais, detrás desas persoas hai fillos sufrindo nun segundo plano as consecuencias desas circunstancias? Nenos que arrastran dificultades de aprendizaxe, problemas de conduta ou relación social...

Pois, para apuntalar a base de futuras iniciativas de socialización e inserción laboral, ou simplemente para axudar a esas persoas a liberarse das cadeas que os fan vulnerables, o Concello da Pobra vai poñer en marcha dous programas que se estenderán ata final de ano e que versarán sobre apoio, acompañamento e atención familiar en contornos de risco. O orzamento é de 36.000 euros.

Por unha banda, a Fundación Meniños levará a cabo un proxecto de atención familiar que ten por obxecto desenvolver a atención e coidado das persoas menores de idade nese tipo de ambientes.

Traballarán con entre oito e dez familias pobrenses, o cal se traducirá en atender a entre quince e vinte crianzas e adolescentes. O equipo estará integrado por un educador social especializado en trauma e que emprega a terapia baseada no apego.

A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, explica que se trata de cativos que padecen traumas ou que viven en ambientes que lles afectan ó seu desenvolvemento persoal e social, xa sexa por pertencer a familias desestruturadas ou por problemas puntuais (divorcios, falecementos, conflitos...).

A intervención familiar que levarán a cabo os expertos fundaméntase no respecto aos dereitos da infancia e a adolescencia para paliar os problemas que alteran o normal desenvolvemento dos nenos e nenas no seu entorno familiar. Con esta visión, Meniños aplicará un modelo de traballo que otorga unha importancia crucial aos recursos das familias, o entorno sociofamiliar e o apego. Traballarán, en definitiva, dende as relacións emocionais e no propio entorno familiar. “Non é un programa de despachos”, sinala Cerecedo.

O outro programa será levado a cabo por Enraizando (cooperativa de traballo asociado) e focalizarase no acompañamento individual ou familiar cuxo eixe de actuación serán as persoas en situación de vulnerabilidade e as súas familias, concretamente aquelas con trastorno mental grave (TGM) e patoloxía dual.

Ofrecerán atención psicosocial domiciliaria e apoio comunitario para permitir que as persoas poidan cubrir as súas necesidades no seu propio contorno e contexto, evitando así situacións de illamento, de marxinación ou de sobreutilización doutros dispositivos. Contarase así cun servizo deseñado especificamente para cada situación, para cada persoa e que se desenvolve no seu medio máis achegado. O equipo estará conformado por dous educadores sociais e unha psicóloga, que atenderán ao redor de dez usuarios e usuarias.

Os beneficiarios serán, por exemplo, persoas con adicións, expresidiarios, maiores que viven sós ou que teñen problemas de saúde mental.

30 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.