Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Tatiana Conde, do programa Vagalume, falou en Camporrapado sobre as vítimas de trata con fins de explotación sexual // A xornalista Eliana Martíns abordou as diferenzas entre homes e mulleres nos medios de comunicación TEXTO Claudina Estévez

A prostitución e a desigualdade centran o debate en Boqueixón

Achégase o 25N e co obxectivo de combater a violencia contra a muller e concienciar sobre esta lacra social, tan difícil de erradicar, son moitos os concellos da área compostelá que están a organizar diferentes actos nas semanas previas. Boqueixón é unha da vilas que se uniu, un ano máis, á efeméride.

Así, celebrouse na casa da cultura de Camporrapado a IV Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller. Foi un acto que estivo organizado polo Centro de Información á Muller de Boqueixón, en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O alcalde do municipio, Manuel Fernández Munín, foi o encargado de presidir o evento e tamén de dar a benvida ás persoas asistentes, lembrando que “todos e todas somos necesarios para erradicar a violencia de xénero da nosa sociedade”. Tamén fixo fincapé en que “temos que implicarnos e temos que trasladarlles ás vítimas que non están soas e que poden contar coa nosa axuda”.

Acto seguido, a directora do CIM, Cristina Carbajales, deu paso a Tatiana Conde, profesional do Programa Valagume de apoio integral a mulleres en contextos de prostitución ou vítimas de trata con fins de explotación sexual. Tatiana Conde explicou que “a desigualdade de xénero, a feminización da pobreza e os fluxos migratorios” son factores determinantes na prostitución, na explotación sexual e na trata de persoas con fins de explotación sexual. Aínda que quixo evitar facer un perfil das mulleres en situación de prostitución en Galicia, indicou que os datos demostran que o 90 % son de orixe estranxeira, sobre todo de países como poder ser Brasil, República Dominicana, Colombia, Venezuela, Rumanía e Nixeria.

Un dos puntos máis debatidos pola audiencia foi a permisividade que a sociedade manifesta cara a prostitución, “cando os clubs onde se exerce están á vista de todos”. Neste sentido, Tatiana Conde indicou que “a prostitución é alegal, salvo temas de trata”, polo que nin sequera hai informes ou estudos fiables sobre a mesma.

Posteriormente, Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, presentou a Eliana Martíns, xornalista especializada en igualdade e perspectiva de xénero na comunicación, quen abordou a ponencia O xornalismo, aliado para a igualdade. Vogal do Colexio de Xornalistas de Galicia e da asociación Xornalistas Galegas, Eliana Martíns comezou falando do papel da muller “como elemento decorativo nos medios de comunicación” e do feito de que un 70 % dos postos directivos nos mesmos estean en mans de homes. Nunha intervención moi interactiva e baseada en exemplos de actualidade, esta veciña de Boqueixón fixo fincapé na necesidade de “instaurar o tratamento especializado da violencia de xénero nos contidos dos medios”. Así, explicou que as vítimas da violencia machista non morren, senón que son asasinadas e insistiu na necesidade de non culpabilizar á vítima ou mesmo de tratar de xustificar ao agresor.

Paralelamente ás intervencións, a casa da cultura de Camporrapado acolleu a exposición Historias de Vida, uns paneis que recollen os aspectos máis importantes das mulleres que participan no programa de Prevención da Dependencia en Boqueixón. Así mesmo, instalouse na entrada un stand literario onde Noelia Míguez asinou e vendeu exemplares do seu libro Ocho señales. Cuestión de vida o muerte, presentado o pasado día 5 de novembro nese mesmo auditorio.

Finalmente, fíxose o tradicional Photocall pola Igualdade, que estivo cargado de mensaxes en contra da violencia machista.

20 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
25N
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.