Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A punto os montes e pistas forestais de Barbanza para facer fronte ós incendios

A Xunta de Galicia investiu máis de 125.000 € nestes traballos de prevención // Interviu en Lousame, O Son, Boiro e Rianxo

A loita contra os lumes comeza en outono e o inverno, que é cando se acometen os traballos para pór a punto as zonas forestais, aproveitando que non se está en temporada alta de incendios, xa que o número de lumes é menor que noutras épocas do ano.

Así, a Consellería do Medio Rural investiu un total de 126.315 euros en diversos traballos preventivos de incendios forestais realizados recentemente no distrito IV (Barbanza). Os labores consistiron fundamentalmente en rozas mecanizadas e melloras de pistas forestais e desenvolvéronse en montes dos concellos de Porto do Son, Boiro, Rianxo e Lousame.

Así, no municipio de Porto do Son investíronse preto de 63.000 euros en traballos de roza mecanizada en masa arbórea, recollida e apiado dos restos e posterior eliminación, para atallar mellor os lumes no caso de producirse. Fixéronse nos montes de Graiade, Marandan e Miguelis. Tamén se levou a cabo a xestión da biomasa, traballos nas faixas auxiliares en roza manual e igualmente recollida e apiado de restos nos montes de Enxa, Dordo, Barbanza e Graiade. Todas estas actuacións localízanse, ademais, en zonas de alto risco de incendios (ZAR).

No concello de Rianxo os traballos consistiron na mellora de pista forestal no monte de Araño, actuando nos accesos para favorecer as tarefas de vixilancia, prevención e -no seu caso- extinción de incendios. Trátase, ademais, de favorecer unha diminución dos tempos de reacción, así como unha maior seguridade para o persoal de extinción. Ao tempo, conseguíronse unhas descontinuidades no terreo que farán desta pista unha devasa ante posibles lumes. Nestes labores o investimento foi de 30.000 euros.

Por outra banda, no municipio de Boiro actuouse nas parroquias de Cures, Macenda e Cespón, con traballos preventivos de mellora de pista forestal, así como tamén nas parroquias de Escabia e Burzó, dentro do concello de Lousame, por importe conxunto de case 34.500 euros. Tamén nestes casos os labores executados localízanse en zonas ZAR.

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural para 2021, que estivo dotado cun orzamento de preto de 30 millóns de euros, co fin de traballar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Segundo indicaron dende o Executivo galego, o obxectivo non é outro que anticiparse aos lumes e procurar unha estrutura forestal que, no caso de producirse os incendios, contribúa a minimizar os seus danos, tanto ambientais coma económicos, partindo do feito de que o sector forestal é un elemento clave na economía verde Galicia.

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, destacou a importancia de facer estes labores de prevención para evitar “que na tempada con máis perigo se propaguen os incendios”. O rexedor tamén resaltou que “o concello de Porto do Son é un dos concellos prioritarios con risco de incendio elevado” polo que “tanto a administración local como a autonómica, que é competente nesta materia, deben volcar todos os esforzos necesarios para evitar na medida do posible estas catástrofes medioambientais que sacuden os nosos montes cada ano”, afirmou Oujo.

14 feb 2022 / 20:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.