Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
OCIO ESTIVAL. Cincocentos cativos de 9 a 14 anos dos 93 concellos coruñeses van gozar ata finais de xullo de actividades ao aire libre, excursións e visitas ás praias // Teñen a súa base de operacións no IES Rosalía Mera da cidade herculina TEXTO S. S.

A rapazada da comarca embarca xa nos Campamentos Deportivos

É tempo de verán; é tempo de campo, de praia e de montaña; é tempo de diversión e de amizade. E rapaces e rapazas de 47 concellos de Área de Compostela teñen xa ó lombo as súas mochilas e toallas para gozar dos Campamentos Deportivos 2022 da Deputación da Coruña, que regresan tras dous anos de parón pola pandemia da covid e nos que este verán van participar cincocentos nenos e nenas dos 93 concellos da provincia ata finais de xullo.

Os campamentos están destinados a nenos e nenas de entre nove e catorce anos de idade e desenvolveranse no IES Rosalía Mera da Deputación, ubicado na cidade da Coruña, en cinco quendas de seis días de duración cada unha delas.

A deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, sinalou que “propoñemos un programa lúdico e deportivo moi completo para que todos os nenos e nenas poidan gozar dun verán repleto de actividades baseadas na aprendizaxe e en vivencias compartidas con novos compañeiros e compañeiras”.

Durante as xornadas de campamento, a rapazada participante poderá gozar de deportes náuticos, actividades ao aire libre, excursións á praia e visitas culturais, deportivas e etnográficas en diferentes zonas de interese na provincia da Coruña.

As actividades e os xogos programados pola Deputación coruñesa no marco desta proposta de ocio estival buscarán en todo momento fomentar a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.

Polo que respecta ás diferentes quendas estipuladas, a primeira delas comezou xa o pasado domingo día 26 e prolongarase ata este sábado día 2 de xullo. Nela participan mozos e mozas dos concellos de Aranga, Bergondo, Cabanas, Capela, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiago de Compostela, Vilarmaior e Vilasantar.

A segunda quenda comezará o vindeiro domingo 3 e rematará o día 8 de xullo. Neste caso os beneficiarios serán os cativos das localidades de Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

A terceira quenda dos campamentos de verán abarcará do dez ao quince de xullo e vai destinada ós nenos e nenas dos municipios de Arteixo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cambre, Carballo, Carral, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Mugardos, Oleiros, Ponteceso e Santa Comba.

A cuarta das quendas está programada do dezasete ao vinte e dous de de xullo para a rapazada de Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.

ATA O DÍA 29 DE XULLO. E a última das quendas dos campamentos terá lugar entre os días 24 e 29 de xullo para os cativos dos concellos de Boiro, Brión, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fisterra, Lousame, Muros, Muxía, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas.

delegribeira@elcorreogallego.es

a protagonista
“Este ano hai cen prazas máis e están xa cubertas”
Cristina Capelán
Deputada provincial
de Deportes

A deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, visitou este mércores aos escolares que participan na primeira quenda dos campamentos e celebrou “a boa acollida que teñen entre a mocidade dos concellos da provincia; tanto é así, que incrementamos o número de prazas, pasando das 400 da edición de 2019 ás 500 deste ano, e están todas cubertas”, afirmou. Capelán definiu a iniciativa como “un apoio para a conciliación durante o período estival”.

{ a letra pequena }
Espazos para a convivencia
Suso Souto

TEÑEN UN DOBrE VALOR os Campamentos Deportivos da Deputación da Coruña (ao igual que todos os que se organizan cada verán co respaldo das demais administracións públicas). Non só supoñen un forte apoio á conciliación da vida familiar e laboral na época estival, senón que tamén promoven entre os nenos e nenas valores que se aprenden mellor na convivencia fóra das aulas: o compañeirismo, a solidariedade, o respecto polos demais e polo entorno, a responsabilidade individual e colectiva... Os campamentos de verán son tamén espazos para fortalecer amizades, para descubrir afeccións, para facer deporte... E, proba de que se programan ben, é o feito de que se ocupasen todas a prazas ofertadas, a pesar de incrementarse.

30 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.