Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A rapazada eleva ata a categoría de potencia mundial á regueifa amesá

Presentaron catro propostas entre as 42 do certame Enreguéifate e acadaron dous primeiros galardóns // Triunfo do dúo Rimas como Balas e Pitifláuticos

Se dos 42 vídeos presentados ao Certame Enreguéifate, catro deles chegaban dende Ames e destes dous arrasaron nas súas categorías, pouco máis hai que dicir sobre as boas maneiras que despuntan na capital maiá nestas batallas dialécticas. Así, e como a proposta máis reivindicativa, gañou Rimas Coma Balas co vídeo Exprésate Rimando e como regueifa diversa, o Pitifláuticos triunfaron ca regueifa titulada Nós Queremos Igualdade. Ámbalas dúas propostas son do IES do Milladoiro.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino. E nesta edición, malia á COVID, achegáronse 36 traballos na categoría escolar e seis na xeral.

Así, en categoría xeral a máis diversa foi para Chaminho e Arrieiro Koruño vs. Rural; a máis reivindicativa: As Canosa, con Máxico é o galego; a máis brava: Regheifeiras da Pontragha, con Practicando para o vrau; a máis aguda: Patty e Iván - Trocando roles; a mellor falada: Xurxo Souto e Oscar o Arrieiro, Torgho de Bergantiños, e a mellor cantada foi para Os irmáns Tato ca Regueifando co protocolo.

E na sección escolar triunfaron na regueifa máis brava Patakas Bravas, con A guerra do bonito; na máis aguda: As Marías do Lamas por As Marías; a máis diversa: Pitifláuticos Nós queremos igualdade!!!; a máis reivindicativa foi para Rimas coma balas con Exprésate rimando; a mellor falada, a de 21 garabullos: A regueixeira e a mellor cantada foi para Dúas moi galegas por Sons da aldea.

Gala de fin de curso da Escola de Música a disposición da veciñanza no YouTube local

Por outra banda, a familia musical da Escola Municipal de Música de Ames reuniuse este martes para celebrar o remate do curso cunha gala especial que tivo coma sede a casa da cultura de Bertamiráns, e que está colgada no YouTube municipal para os que non poideran asistir. O evento incluíu actuacións do alumnado gravadas en vídeo e interpretacións en directo dos profesores.

Precisamente, dos dous pases previstos, o último das 20.00 horas retransmitiuse vía streaming a través desa canle de youtube do Concello de Ames. O foro contou cunha presentación a cargo do xornalista de Ames Radio, Juan Luís Silva, mentras que a propia concelleira de Cultura, Natividade González, actuou como mestra de cerimonias, convertendo o escenario dese auditorio nunha confortable sala de estar para visionar a gala de fin de curso da EMMA. Deste xeito, “suporá un bo reflexo de todo o que aprenderon e de canto medraron como músicos e músicas os alumnos e alumnas desta escola municipal”, precisan dende o Concello maián.

No transcurso do festival, o profesorado conversou co xornalista Juan Silva sobre as vicisitudes deste curso e os avances dos alumnos e alumnas nun período tan difícil. Ademais, os docentes interpretaron algunhas pezas en directo, sen esquencer a emisión dos vídeos que o alumnado creou especialmente para o evento e outros que se foron gravando ao longo do curso e que supliron as audicións en directo como parte do programa pedagóxico.

Para a edil Natividade González, “esta gala é moi especial porque despois dun ano tan difícil coma este volven os aplausos e o contacto directo co público. Porque aínda que veremos en vídeo moitos dos traballos dos alumnos e das alumas, esa calor de asistir xuntos ao espectáculo e aplaudir a arte e os logros conseguidos vainos dar a sensación de que, con todo o coidado e a precaución, por suposto, estamos volvendo á normalidade” e os artistas puideron divulgar os seus traballos.

23 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito