Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A renovación do saneamento de Cee e Corcubión estará rematado en 2024

Ethel Vázquez supervisou o inicio dos traballos no paseo marítimo // O obxectivo é poñer fin aos vertidos á ría // O investimento supera os oito millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada pola alcaldesa, Margarita Lamela; o edil do PP, Antonio Domínguez e o candidato popular, Jesús Picallo, supervisou este venres as obras de renovación do saneamento de Cee, nos que a Xunta investirá 8,1 M€, e que permitirá mellorar a vida dos veciños e elevar a calidade das augas da ría na primavera de 2024.

Salientou que o obxectivo é reducir nun 80 % os vertidos en tempo de chuvia e completamente en tempo seco, contribuíndo a mellorar a clasificación das augas da ría.

Asegurou que estas obras de mellora da rede de saneamento, en apoio ao Concello de Cee nas súas competencias municipais, “é unha das actuacións máis destacadas que actualmente a Xunta está a impulsar desde Augas de Galicia”. Trátase da primeira fase da mellora do sistema de saneamento tanto de Cee como de Corcubión.

Referiuse tamén ao exhaustivo traballo da Xunta de análise do sistema de saneamento destes dous municipios, materializado a través do Plan de saneamento da ría de Cee e Corcubión, que permitiu identificar os problemas que presenta o sistema de saneamento e tamén o xeito de solucionalos. Aquí, citou as deficiencias no funcionamento dos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.

Precisou que no caso de Cee, os vertidos danse nas canalizacións do núcleo do municipio, derivándose cara aos ríos de Brens e Cee, e ao rego de Laxes, o que provoca que a praia urbana teña, con frecuencia, prohibición de baño.

Ethel Vázquez indicou que para solucionar estes problemas na rede de saneamento de Cee, a Xunta impulsa esta 1ª fase, cuxas obras teñen un prazo de 18 meses, polo que a substancial mellora do saneamento de Cee estará rematada na primavera de 2024, remarcou.

Segundo concretou, estas actuacións consisten na renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río, cunha lonxitude de case 390 metros; e na construción dun novo tanque de tormentas con estación de elevación. Tamén se executará un novo colector, que substituirá o bombeo das Monxas e conducirá as augas ata o tanque e, desde aí, se bombeen cara á depuradora; habilitarase un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permita dirixir as augas ao tanque de tormentas ou aliviadas. Ademais, implantarase un novo bombeo ata a depuradora desde o novo tanque de tormentas.

Tal e como subliñou, trátase dunha actuación ambiciosa e complexa que, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, ten a particularidade de pretender achegar valor engadido ao municipio coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo. Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A conselleira avanzou que esta 1ª fase das obras non é a única actuación que está a impulsar a Xunta en apoio ao Concello de Cee nas súas competencias sobre a auga, senón que, ademais, estase a traballar na redacción do proxecto da nova depuradora. Ethel Vázquez puxo en valor “como a Xunta continúa volcada en apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga, problemas complexos tecnicamente e, ademais, moi custosos desde o punto de vista económico”, incidiu.

19 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.