Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 05 febrero 2023
01:00
h
A presentación será o sábado no campo da festa de San Miguel de Sarandón // A entrada é de balde // Ó remate do concerto haberá foliada aberta TEXTO Víctor Furelos

A Requinta da Laxeira chega á maioría de idade con novo disco

Xa choveu moito desde que os grupos de gaitas amenizaban as verbenas nos pobos dos dous lados do Ulla co característico asubío das requintas que se recuperaron cando estaban a punto de desaparecer. Coma se fose cousa das meigas.

Se algún grupo se distingue polo seu son tan característico é A Requinta da Laxeira, naturais de Sarandón, no municipio de Vedra, e que están a punto de presentar en sociedade o seu terceiro disco baixo o tíulo de ...e Millore.

Será o próximo sábado, día 9 de abril, no campo da festa de San Miguel de Sarandón. A partir das oito da tarde actuarán grupos amigos como A Gaita de Sarandón, Faiscas da Pontragha e as Pandereteiras Silandeiras e unha hora despois será o concerto presentación do disco nunha actuación que cheira a festa rachada porque ó remate haberá unha foliada aberta que promete rematar ben entrada a noite. E para que poida acudir quen queira a entrada será de balde e sairán autobuses desde Santiago do que se da cumprida información na páxina web requintadalaxeira.com.

A Requinta da Laxeira vive un relevo xeneracional que aventura que os seus dezaoito anos de vida se multuplicarán por moitos máis. E sobre todo cando o espíritu festeiro segue a estar tan presente. Este é o terceiro disco da formación vedresa, que xa publicou en 2010 o seu primeiro traballo titulado Vai de baranda e tres anos despois o segundo disco baixo o título de Maise.

04 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.