Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Rocheira reconvértese en centro interxeracional

Coristanco recupera así unha edificación que estaba abandoada dende hai vinte anos // Estréase na semana grande da pataca

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan García, presidiu o acto inaugural do novo centro interxeracional situado no lugar da Rocheira, xunto á zona recreativa, a piscina e o campo de fútbol municipais.

A mandataria autonómica apuntou que este centro responde unha débeda histórica coas veciñas e veciños deste municipio coruñés. O goberno galego financiou a adecuación do centro con 120.000 euros, o que permitirá que se poña en marcha un punto de encontro para as persoas maiores e para as persoas mozas.

Fabiola García agradeceu ao alcalde, Juan García, o seu compromiso “por facer deste concello un mellor lugar para vivir e ofrecerlle ás súas veciñas e veciños o maior número de servizos posibles e da mellor calidade”. Un obxectivo para o que, recordou, “sempre poderá contar coa Xunta de Galicia”.

O rexedor sinalou que esta iniciativa enmarcase dentro dos proxectos do seu goberno para recuperar “instalacións que estaban sen uso en en estado de abandono”. Unha delas era o edificio construído hai máis de vinte anos a través dun obradoiro de emprego e que, até agora, non tivera ningunha funcionalidade.

Agora, engadiu, será un espazo ao servizo de veciños de todas as idades no que se organizarán actividades culturais, formativas, deportivas e de lecer. A actuación incluíu a creación duns vestiarios de apoio ás instalacións deportivas existentes, así como o acondicionamento dunha parcela de 7.000 metros cadrados. Proximamente complementarase cun parque infantil e outro biosaudable.

O recén inaugurado centro interxeracional estrearase este xoves, día 16, cos primeiros actos da semana grande adicada á pataca de Coristanco que, se non fose pola pandemia, o domingo tería que celebrarse a corenta edición da popular Festa da Pataca. Aínda que non haberá celebracións, o Concello programou diversas actividades, como a exposición fotográfica Anacos do rural que será inaugurada ás 12.00 horas e que poderá verse permanentemente no centro da Rocheira. Pola tarde, ás 19.00 horas no mesmo espazo, celebranse unhas xornadas técnicas sobre conservación, control e manexo de enfermidades da pataca. O venres, presentarase o libro O chan da embarrada.

16 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.