Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Asociación de Concellos polos que discorre este trazado reivindicou nunha reunión a delimitación oficial do mesmo por parte da Xunta de Galicia // Fíxose balance do traballo realizado nos últimos meses despois da constitución da entidade intermunicipal e presentouse unha enquisa TEXTO C. Estévez

A ruta xacobea a Fisterra e Muxía

Os atractivos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía son incuestionables e o aumento de peregrinos que o transitan ano tras ano vai medrando sen parar nos últimos tempos. Así o veñen de confirmar dende a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, que desenvolveu unha intensa xornada de promoción en Fisterra, coa presenza dos alcaldes de Fisterra, Cee, e Corcubión –José Marcote, Margarita Lamela e Manuel Ínsua– ademais do concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, e do técnico de desenvolvemento local Tomé Freire, en representación do Concello de Dumbría, cuxo rexedor non puido asistir.

Ademais das autoridades, participaron técnicos, expertos e empresarios de hostalaría na sesión no propio faro fisterrán, na que se fixo balance do traballo realizado nos últimos meses, logo da constitución da entidade intermunicipal. Presentouse unha enquisa acometida o pasado decembro a 143 peregrinos, da que se tiran os seguintes datos: A metade eran peregrinos de longo percorrido, están 2,6 días en Fisterra e 1,57 en Muxía, realizan un gasto medio de 37 € día e o 20% non quere credencial.

Segundo a mesma sondaxe, os lugares máis bonitos son, por esta orde, Fisterra, Olveiroa, Ponte Maceira, o faro fisterrán e Muxía. A Asociación de Concellos polos que discorre a ruta valora de forma positiva “estes datos tan recentes, a pé do Camiño” e destaca que está “moi lonxe da saturación”. A prospección demoscópica terá continuidade nos meses do verán. Igualmente reivindicou como misión prioritaria lograr a delimitación oficial do trazado por parte da Xunta de Galicia: “Xa fixemos xestións, pero agora debemos dar o empurrón definitivo. Ademais, o itinerario nos concellos de Fisterra e Santiago xa está feito”. A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, sinalou que a prolongación xacobea é un ben inmaterial chamado a ser un revulsivo para a promoción do patrimonio histórico-artístico e cultural do territorio. “Estamos hoxe nunha situación envexable que non debemos desaproveitar. O camiñante do século XXI demanda natureza e tranquilidade, fuxindo da masificación, máis aínda, se cabe, despois da situación provocada pola pandemia que vimos de pasar”, engadiu Margarita Lamela, que tamén solicitou melloras na rede de transporte público e a adaptación das infraestruturas ás persoas con minusvalía, ademais de todo o relacionado coas novas tecnoloxías e as novas formas de comunicación.

Pola súa parte, Ínsua fixo fincapé no “coidado” do Camiño e a “seguridade” do peregrino; mentres que Manuel Lens avogou por facer partícipe da súa importancia á propia xente que vive ao pé del, en referencia a que cómpre contar tamén coa poboación local.

O alcalde anfitrión aproveitou a ocasión para reivindicar a conversión do faro nun centro de interpretación desta ruta xacobea. “Xa iniciamos o procedemento administrativo na Autoridade Portuaria da Coruña. O proxecto cifra en 800.000 euros o orzamento necesario para acometelo”, concluíu Marcote.

Con respecto á exposición Até o Fin, logo de pasar por Bertamiráns, foi inaugurada no mercado municipal de Fisterra, antes da sesión no faro. A primeira quincena de xaneiro estará en Corcubión, no salón de plenos do Concello; e Cee e Negreira son as seguintes localidades a onde se prevé que viaxe. Faise coa colaboración da Deputación coruñesa.

O director da mostra, Pepe Barro, indica que a exposición é un resumo da razón pola que cómpre ir a Fisterra e Muxía: “Intenta explicar o sentido histórico e actual. Ten unhas corenta imaxes de gran tamaño, impresas directamente sobre madeira, algo que transmite natureza. É moi visual, e fíxose un esforzo especial na brevidade dos textos para condensar as mensaxes”.

02 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.