Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A senda de Marzoa en Oroso será moi pronto realidade

A Comisión de Infraestruturas e Obras da Deputación da Coruña aprobou esta semana o proxecto da senda de Marzoa no concello de Oroso, un proxecto moi importante para a parroquia que suporá un investimento superior aos 200.000 euros.

A aprobación definitiva da actuación terá lugar no pleno provincial do próximo venres, 30 de xullo. O alcalde de Oroso, Luis Rey, sinala que estará en contacto permanente estes días cos veciños e veciñas da zona para explicarlles o proxecto.

A senda, na estrada provincial DP-3802, terá máis dun quilómetro e será fundamental para mellorar a seguridade viaria en Marzoa, tanto dos peóns como dos vehículos. Chegará ata o límite co municipio de Frades e pasará por diante do local social, polo que é unha zona moi transitada polos veciños.

Aínda que o acordo cos propietarios dos terreos afectados pola construción da senda era maioritario, finalmente a cesión dos mesmos chegará por vía dunha expropiación, polo que recibirán unha compensación económica, tal e como informan dende o goberno local.

A infraestrutura, unha vella demanda veciñal, sufriu un retraso pola última concentración parcelaria na zona pola que transcurrirá a senda, o que obrigou a reformular o proxecto.

“Estamos moi satisfeitos, é unha senda moi importante para Marzoa e para o día a día dos seus veciños”, afirma o rexedor orosán.

“O concello pelexou moito por esta infraestrutura desde hai anos e tras moitas xestións conseguimos o apoio da Deputación da Coruña, polo que as obras comezarán xa”, engade o mandatario.

O feito de que finalmente se lle dea luz verde a este proxecto suporá, como se dixo, unha enorme mellora na calidade de vida veciñal, tendo en conta que se trata dunha vía provincial que soporta unha gran cantidade de tráfico. Desta forma, aumentará a seguridade viaria.

23 jul 2021 / 16:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.