Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A só un paso de construír
a rotonda na Barquiña

O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar a aprobación das expropiacións necesarias // Investiranse 1,15 millóns

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación das expropiacións necesarias para a construción dunha glorieta no cruce da Barquiña, na estrada AC-550, no concello de Noia.

O Goberno galego investirá 1,15 M€ nesta actuación de mellora da seguridade viaria na contorna desta vía autonómica, un orzamento que inclúe o pagamento dos dous predios necesarios para levar a cabo as actuacións.

Segundo indicaron dende a Xunta, a Consellería de Infraestruturas convocará o levantamento das actas previas das expropiacións e licitará as obras neste primeiro semestre para poder iniciar os traballos no segundo semestre do ano, cun prazo de execución de 10 meses.

A intervención comprende, dunha banda, a execución dunha glorieta para substituír a intersección en cruz no punto quilométrico 71+120, o cruce coa estrada provincial DP-5704 ao porto da Barquiña.

O trazado da glorieta foi definido tendo en conta o espazo dispoñible na contorna, condicionado pola presenza de numerosas vivendas. A nova rotonda terá un radio exterior de 13 metros, unha illa interior de 2 metros, unha calzada de carril único de 6 m e beiravías interior e exterior.

Doutra banda, as obras tamén inclúen a renovación das beirarrúas desde a nova glorieta ata a alameda noiesa, entre os puntos quilométricos 71+100 e 72+400 da AC-550.

Dotarán a vía de itinerario peonil e máis aparcadoiro

··· A renovación das beirarrúas dende a rotonda ata a alameda suporá a reorganización da sección transversal da estrada, na que a día de hoxe hai aparcadoiro insuficiente en ambas as marxes, o que provoca que os vehículos se suban á beirarrúa e a deterioren.

··· Tamén se substituirá a capa de rodadura da vía e a redistribución de anchuras da sección transversal, dotándoa dun itinerario peonil accesible nunha das marxes do treito considerado.

22 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.