Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A sostibilidade e a eficiencia marcan o futuro de Ribeira

Aprobou a Corporación por unanimidade o Plan de Acción da Axenda Urbana // O documento inclúe achegas da cidadanía

O Concello de Ribeira aprobou o pasado xoves en pleno extraordinario o Plan de Acción da Axenda Urbana por unanimidade. Dito plan é o produto dun proxecto levado a cabo durante o último ano, no que participou tanto a administración municipal como a cidadanía local para construír unha Ribeira máis eficiente, sostible e humana.

Segundo indicaron fontes municipais, as actuacións prioritarias identificadas durante o proceso enmárcanse en catro eixes estratéxicos, que coinciden coa visión local do futuro do municipio: Ribeira intelixente, Ribeira eficiente, Ribeira turística e Ribeira humana. A Ribeira intelixente busca mellorar a administración electrónica e facilitar así os trámites en liña, ademais da creación dun laboratorio cidadán de ideas para impulsar a participación continua da poboación ribeirense nos avances do municipio. Pola súa banda, a eficiente inclúe proxectos como a mellora da mobilidade en bicicleta ou os plans de transición enerxética.

A Ribeira turística céntrase na posta en valor do patrimonio cultural e na creación de novas áreas verdes, ademais de no desenvolvemento dun plan de sustentabilidade turística. Por último, a Ribeira humana expón un programa de integración social para colectivos vulnerables e accións para mellorar a planificación urbanística local. Identifícase ademais a necesidade de crear un Plan de Adolescencia e Mocidade para a cidadanía máis nova.

Cómpre indicar que a totalidade do proxecto de Axenda Urbana, incluíndo as fases realizadas así como os resultados obtidos, pode consultarse na páxina web agendaurbana.ribeira.gal.

As mesmas fontes destacan que esta participación da cidadanía é un dos eixes principais do proxecto de Axenda Urbana, “e concretouse mediante varias ferramentas para canalizar esta retroalimentación constante co Concello”. Un primeiro paso nesta dirección foi a consulta cidadá realizada en maio para identificar os retos e contrastalos cos que propoñía o Concello. Ademais, realizouse a presentación dun primeiro borrador deste Plan de Acción o pasado 30 de novembro mediante varias sesións organizadas no Concello e en varios colexios do municipio.

Estas sesións serviron ademais para facilitar que as persoas asistentes puidesen seguir achegando as súas opinións para construír a Ribeira que visualizan para os próximos anos. Finalmente, dende a administración local puxeron ao dispor da cidadanía un formulario en liña para poder realizar achegas adicionais, que estivo activo ata o 13 de decembro.

Este borrador contiña un total de sesenta proxectos, dez dos cales foran identificados como estratéxicos.

Durante esta fase de participación recibíronse un total de 436 respostas e 188 propostas de actuación. A partir da análise minuciosa destas propostas, incorporáronse algunhas modificacións ao Plan de Acción provisional, a maioría delas matizando ou ampliando o sentido dalgunhas das accións xa recollidas. Cabe destacar a consideración de Proxecto Estratéxico da creación dun Plan de Adolescencia e Mocidade, elevado a estratéxico tras as solicitudes cidadás.

Ribeira continua desta forma apostando por deseñar o seu futuro baseado na construción dun municipio que sexa máis humano, sostible e intelixente; en liña cos principios propostos pola Axenda Urbana Española.

02 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.