Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Unidade de Extranxeiría de Carballo tramitou máis de trece mil documentos

En 2021 expedíronse 12.720 carnés de identidade e outros 1.219 pasaportes // A UED cumprirá cinco anos en marzo

A Unidade de Estranxeiría e Documentación (UED) da Policía Nacional, que ten a súa sede na planta baixa da Casa do Concello de Carballo, tramitou ao longo do ano 2021 un total de 13.939 documentos: 12.720 documentos de identidade e 1.219 pasaportes. Tras o descenso que se produxo no ano 2020 como consecuencia do cese da actividade durante case dous meses, a oficina recuperou no 2021 a súa actividade habitual, superando a media de 1.000 documentos mensuais.

Aínda que o 35% das persoas que utilizan o servizo son veciños do concello de Carballo, hai un 65% de persoas de fóra que fundamentalmente proceden doutros municipios da contorna. De feito, a de Carballo é a oficina de referencia para toda a Costa da Morte, como demostran os 1.260 veciños e veciñas da Laracha que se achegaron ata ela ao longo do 2021, os máis de 600 de Malpica ou os 530 de Vimianzo. Tamén acudiron case 500 veciños e veciñas da Coruña e 110 de fóra de Galicia.

Outro dato chamativo é o de persoas estranxeiras que utilizan o servizo. En 2021 foron nada menos que 328, fundamentalmente emigrantes do concello de Carballo que residen noutros países e que aproveitan as vacacións para renovar os seus documentos de identidade na localidade. De feito, a maior parte dos usuarios da oficina durante o Nadal e o mes de agosto axústanse a ese perfil.

O Concello recorda que é posible perdir cita de maneira telemática dende a súa páxina web ou presencialmente, en horario de 09.00 a 14.30 horas, de luns a venres. Dende o servizo lembran que para a expedición e/ou renovación da documentación é preciso achegar unha fotografía actual, e as persoas que necesiten actualizar o seu enderezo tamén deben presentar un xustificante de empadronamento.

Media década. A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo cumprirá cinco anos o 20 de marzo, e dende a súa posta en marcha mantén unha actividade moi elevada. Así, entre o 20 de marzo do 2017 e o 31 de decembro do 2020 foron tramitados máis de 60.000 documentos, entre DNI e pasaportes, cifras que refrexan ben a importancia da unidade.

Precisamente en 2017 o director xeral da Policía, Germán López, visitaba as instalacións da UED que nun único mes, dende marzo ata abril, tramitara máis de 500 documentos e xa tiña o servizo de citas completo con 15 días de antelación.

15 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito