Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Xunta fomenta no rural o voluntariado interxeracional

Pon en marcha un programa que busca que os maiores de 55 transfiran experiencia ós mozos // Presentouse en Vedra

O centro sociocultural de Vedra acolleu este mércores un encontro informativo no que a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, difundiu entre entidades de acción voluntaria e representantes de Concellos da zona o novo programa de voluntariado interxeracional no rural que ten en marcha a Xunta de Galicia. Pichel explicou que esta novidosa proposta consiste en que persoas de máis de 55 anos transfiran a súa experiencia e bo facer a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor do turismo e do patrimonio rural galego.

Pola súa parte, a xente nova poderá devolver este coñecemento achegando aos maiores as súas habilidades nos campos dixital ou tecnolóxico, entre outros. Neste sentido, a directora xeral de Xuventude sinalou que o obxectivo do programa “é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais no medio rural para a mocidade”. Con esta finalidade, realizaranse actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre a xente maior e a xuventude.

ORZAMENTO. A Consellería de Política Social e Xuventude destinará 760.000 euros á posta en marcha deste programa de voluntariado interxeracional, que se desenvolverá durante os anos 2022 e 2023 principalmente en lugares do medio rural. Está dirixido a entidades de acción tanto locais como asociativas. Os proxectos deberán estar integrados por grupos interxeracionais e funcionarán por un sistema de parellas, no que cada persoa voluntaria maior de 55 anos se encargará de titorizar a un mozo. A contía da axuda por proxecto será dun mínimo de 15.000 euros e dun máximo de 25.000, atendendo ao número de persoas voluntarias participantes.

No caso de presentarse por máis dunha entidade local conxuntamente, entre 36.000 e 60.000 euros respectivamente. As actividades que se desenvolvan no ano 2022 xustifícanse non máis tarde do 16 de decembro de 2022, o resto deberán xustificarse antes do 1 de novembro do ano que vén.

20 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.