Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Abogan por crear espazos para que as crianzas falen sen prexuízo da sexualidade

A psicóloga e especialista Martina González defende en Lalín que os pais deben abrir canles de comunicación cos seus fillos

A psicóloga especializada en sexoloxía e divulgadora científica, Martina González Veiga, destacou a necesidade de abordar a sexualidade con naturalidade e desde a diversidade. “Hai que crear espazos seguros para facilitar que as criaturas falen sen prexuízos, debemos abrir canles de comunicación cos nosos fillos”. Foi durante o relatorio titulado Como lle falo diso? Aprendendo a educar as crianzas en sexualidade que ofreceu no marco da Escola de Familias de Lalín que promove o Concello, a través da concellería de Sanidade, en colaboración co CFR (Centro de Formación e Recursos) adscrito a Educación.

González Veiga, que conta cun espazo radiofónico na RAG, sostivo que “a sexoloxía tratada desde unha perspectiva integral aínda non está nas aulas; o sexo é moito máis amplo que unha práctica sexual, a educación sexual non é iso. É importante que as criaturas aprendan a facerse preguntas”. A este respecto apuntou como un dos principais problemas o silencio: “de sexo non se fala nin se pregunta”. “Ás veces aos nenos dálle tanta vergoña preguntar como aos adultos responder”, dixo.

Diante desta interpretación limitante do sexo Martina defendeu que “temos que traballarnos como persoas adultas para poder ofrecer unha educación sexual de calidade aos nosos fillos aos que nunca debemos mentir (en cuestións de sexo)”. “Tede en conta que as criaturas naceron e críanse coas tecnoloxías”, sinala.

“A educación sexual que temos interiorizada é moi perversa e iso ponse de manifesto en casos nos que somos capaces de autodestruírnos para que nos queiran”, remarcou. “A educación sexual abrangue un montón de factores como a linguaxe verbal e non verbal, a vestimenta, a forma de mirada, as expectativas de futuro, etc. etc.”, e comeza polos afectos, antes de que as criaturas poidan falar, desde o contacto pel a pel co bebé”.

“O sexo é o que temos (o noso corpo sexual); o que somos (a nosa identidade sexual) e o que expresamos (relacións que temos) e o xénero é unha construción sociocultural”, explicou. “É importante coñecerse, aceptarse, expresarse libremente, ser unha persoa válida e querible”, subliñou, ao tempo que indicou que “a familia e o profesorado son as principais fontes que marcan a valía dunha persoa”. “A educación sexual do medo non funciona; antes dos cambios corporais que teñen na adolescencia debemos explicarllos e tratalos con naturalidade”, precisou.

A modo de peche citou unha frase da activista polos dereitos civís Audre Lorde: “Non son as nosas diferenzas o que nos divide. É a nosa incapacidade de recoñecer, aceptar e celebrar esas diferenzas”.

A experta, Martina González Veiga é psicóloga xeral sanitaria, fundadora e directora do Centro de Sexoloxía con mucho gusto!, e na actualidade dirixe un equipo formado por outras tres sexólogas.

Indicar que a concelleira de Sanidade anunciou que ao redor da temática da sexualidade os alumnos de 3º da ESO dos tres centros educativos, IES Laxeiro, IES Ramón Mª Aller e Scientia Lalín, participarán nun espectáculo didáctico que representará Sole Felloza (no auditorio en sesión de mañá, haberá 3 pases) sobre o tabú da menstruación e da endometriose.

15 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.