Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acondicionan e retiran especies exóticas no espazo fluvial do río Vaa en Malpica

A actuación foi financiada coas axudas da Xunta de Galicia para melloras na Rede Natura // Este ano presentáronse máis de trescentas solicitudes

A Xunta recibiu máis de 300 solicitudes por parte de concellos, titulares de terreos agrícolas e forestais, asociacións ambientais e entidades de custodia do territorio de toda Galicia para acollerse á orde de axudas convocada este ano para apoiar proxectos dirixidos á posta en valor dos espazos Rede Natura. A previsión do Goberno galego é esgotar os 2,4 millóns de euros do crédito reservado a este programa para as anualidades de 2022 e 2023.

Durante un acto en Malpica organizado na véspera do Día europeo da Rede Natura 2000, que este ano celebra o seu 30 aniversario, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde, Eduardo Parga, achegouse ata a parroquia de Vilanova de Santiso para coñecer, precisamente, unha das actuacións que se financiaron no municipio con cargo á orde de axudas 2020-2021.

En concreto, a intervención centrouse na contorna do río Vaa, nunha zona de máis de 6.000 metros cadrados na que se executaron traballos de limpeza de maleza e das rochas, eliminación de especies exóticas invasoras e plantación de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e bidueiros, e restauración dos bancos existentes e a colocación de papeleiras.

Ángeles Vázquez explicou que a achega da Xunta para levar a cabo esta actuación foi de case 20.000 euros e en vista dos bos resultados acadados, animou ao Concello a presentar un proxecto integral co que poder completar a posta en valor desta zona emblemática de Malpica.

A conselleira explicou que estes incentivos teñen como fin apoiar diferentes tipos de iniciativas e actuacións co obxectivo común de avanzar na preservación ou na restauración da biodiversidade destes espazos naturais ou mellorar o estado das paisaxes rurais tradicionais que se localizan nos mesmos.

Entre as actuacións subvencionables destacan a rehabilitación de elementos históricos, culturais ou etnográficos, obras dirixidas a preservar ecosistemas naturais como cercados, eliminación de especies invasoras ou restauración de puntos de auga e zonas húmidas; e actuacións que repercutan positivamente sobre a paisaxe agraria, por exemplo, restauración de cercas e muros de cachotería, adecuación de carreiros rurais, creación de rutas e áreas de recreo ou sinalización de camiños e sendas.

Tras lembrar que o 12% do territorio galego está amparado baixo esta figura, a conselleira explicou que con esta orde de axudas a Xunta busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan os espazos Rede Natura, auténticos “santuarios da natureza” nos que tamén se integra a actividade humana.

Así, lembrou que só ao abeiro das dúas convocatorias anteriores concedéronse un total de 275 subvencións cunha achega total por parte da Consellería de 3,8 millóns de euros. A esta contía hai que sumar os 2,4 millóns reservados para 2022-2023, xa que tendo en conta as máis de 300 solicitudes recibidas, a conselleira avanzou que se esgotará todo o orzamento dispoñible. O importe máximo das axudas no caso de que o promotor da iniciativa sexa un concello é de 20.000 euros e para particulares e asociacións ambientais e entidades de custodia do territorio, de ata 12.000 €.

21 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.