Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Acordo coa Autoridade Portuaria para reabrir o faro do cabo Vilán

A asociación de empresarios de Camariñas xa retirara todo o mobiliario // Agora agardan poder contar coa subvención da Deputación da Coruña para continuar

Despois de dez anos xestionando as instalacións do faro de cabo Vilán, en Camariñas, a Asociación de Empresarios e Promoción Turística (Aept) retirara en días pasados todo o material das salas que tiña ao seu cargo, despois de recibir unha notificación da Autoridade Portuaria da Coruña comunicándolles que a autorización quedaba revocada por non haber solicitado a súa renovación.

Un trámite que, segundo a presidenta da patronal, Olga Campos, “non o fixemos porque nos últimos anos, non solicitábamos a autorización ata ter confirmada a subvención da Deputación da Coruña, e este ano pensábamos facer o mesmo, pero ao recibir a comunicación e ante o desánimo dos directivos, pola falta de apoios, decidimos abandonar o faro”.

Non obstante, este xoves, logo dunha chamada do ente portuario, a situación reconduciuse “pois nos dixeron que non había problema que seguiramos o procedemento de anos anteriores e que podemos seguir á fronte do servizo”, afirmou Olga Campos. Agora agardan que a Deputación coruñesa convoque as axudas anuais “e se cumprimos os requisitos e nos conceden a subvención volveremos para o faro, porque aínda que temos que montar todo de novo, pensamos que o beneficio para todos vai compensar o esforzo”.

A presidenta da patronal sinala que para a asociación é imprescindible dispoñer do apoio financieiro para seguir xestionando o faro “pois se non fose pola axuda da Deputación nós sós non podemos asumir todos os custos”.

Lembra que o colectivo empresarial investiu 100.000 euros en acondicionar as salas de exposicións e unha cafetería na planta baixa do edificio do faro, para o cal contaron cunha axuda de Agader de 96.000 euros. Dende entón, e durante estes dez últimos anos, ofrecían información turística a todos os visitantes, e ademais levaban un exhaustivo rexistro, datos que facilitaban á Xunta.

“O do faro Vilán foi o primeiro punto de información turística que se habilitou na Costa da Morte e que atendía todos os días do ano con persoal cualificado”, afirma Olga Campos. Ademais, a asociación encargouse de dinamizar este espazo, que é dos máis visitados da Costa da Morte xunto co faro de Fisterra, promovendo múltiples exposicións temporais de artistas da zona e doutros puntos de Galicia, así como diversos actos lúdico-culturais.

Todo elo de balde para os visitantes, e os únicos ingresos que obtiña a asociación eran os da cafetería e a venda de souvenirs “pero iso en ningún caso dá para cubrir os custos”, sinala a presidenta da asociación camariñana.

Olga Campos bota en falta un maior apoio “institucional e tamén social, pois o único respaldo que temos é o da Deputación da Coruña”. Coida que o labor que veñen desenvolvendo no faro repercute na actividade económica de Camariñas e da contorna. “Hai uns días chamounos unha axencia preguntando si se podía visitar o faro, porque se non estaba aberto cambiaban a ruta de viaxe que tiñan prevista, co cal esa xente non viría a Camariñas”.

Pola súa banda, en Fisterra o mítico faro leva anos pechado ao público, aínda que o Concello espera poder reabrilo grazas tamén a un acordo coa Autoridade Portuaria.

28 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.