Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Acordo parlamentario para a mellora da seguridade na dársena do porto malpicán

BNG e PSOE denuncian que van aló tres anos sen avanzar en “solucións reais” // O PP di que o proxecto xa está en licitación

A Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia avalou, por unanimidade, as propostas do BNG e PSOE para que se axilicen as actuacións necesarias para mellorar a seguridade da dársena do porto de Malpica, onde no 2018 perdía a vida o patrón dos pesqueiro Silvosa, José Ángel Sanjurjo, debido ás condicións das ondadas e correntes xeradas no fondo do peirao e no canal de acceso á darsena.

Os nacionalistas propuxeron incluír nos orzamentos de 2022 unha cantidade suficiente para a execución íntegra das obras ou, no caso de realizarse por fases, incluír os recursos necesarios para acometer a primeira fase.

O deputado nacionalista Daniel Pérez sinalou que tal e como se atopa agora a dársena “a entrada e saída de embarcacións constitúe un perigo constante para a integridade, non só dos barcos, senón tamén dos mariñeiros”. Por iso reiterou a necesidade de adoptar “medidas urxentes para que mortes como as de José Ángel non se volvan a repetir”. Defendeu ademais que “a alternativa única e definitiva é a ampliación do dique”, o cal permitiría ademais aumentar a actividade portuaria de Malpica.

Tanto dende o BNG como por parte do PSOE criticaron a demora na adopción de solucións. Así, Daniel Pérez criticou que “tres anos despois dun sinistro tan terrible, o PP “se limitase a repetir os anuncios e as notas de prensa da Xunta que levan repetindo dende marzo de 2019”. Lamenta ademais que se “volva a falar de novo de balizas para medir as correntes cando veñen de colocar a enésima baliza e todo o mundo en Malpica, e tamén a Xunta, sabe que a solución para este problema é ampliar o dique”.

A pesares do voto favorable do PP ás demandas da oposición, dende o BNG din que o “que se lle está dicindo ás e aos mariñeiros de Malpica é que van ter que esperar polo menos cinco, seis, sete ou oito anos no mellor dos casos para que se acometa a obra”.

Dende o PSOE, o deputado Martín Seco, tamén reivindicou a ampliación do dique como solución definitiva, ao tempo que lembrou que “hai que abordar con premura o remate do apuntalamento do tramo da dársena para o acceso de camións”.

Dende o PP, a deputada Ana Belén García salientou que Portos de Galicia “está a traballar dende o primeiro momento na busca dunha solución para evitar as elevadas correntes que se xeran ocasionalmente na comporta interior do porto de Malpica”.

Lembrou que se trata dun “asunto complexo, pero xa se licitou o contrato para o deseño e avaliación de alternativas básicas; a definición da solucións e a nova instrumentación da dársena e a elaboración do deseño construtivo”.

Sinalou que, como medida de prevención, Portos tamén puxo en marcha un sistema experimental provisional sobre a previsión de correntes na comporta cunha antelación de 72 horas, que alerta e orienta aos usuarios sobre as condicións de acceso á dársena interior ante a propagación das ondas largas.

“Este sistema experimental supón unha alternativa provisional e en parello ao traballo técnico que Portos de Galicia segue a realizar para definir unha solución definitiva ao problema”, engadiu a deputada do Grupo Popular, quen sinalou que se atopa en licitación a redacción do proxecto cun importe asignado de case 100.000 euros.

20 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.