Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Concello mellorou o portal dos Orzamentos Abertos en busca da transparencia, a eficiencia e a participación cidadá // Os datos provisionais do vixente exercicio mostran que Ames xa executou o 50 % dos ingresos previstos TEXTO Javier Salutregui

Actualizada a información económica aberta ao público

O pasado mércores 15 de decembro presentáronse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as modificacións e actualización realizadas co obxectivo de mellorar a aplicación de Orzamentos Abertos, que recolle a información orzamentaria do Concello de Ames dende 2014 ata 2021 dun xeito sinxelo, manexable e facilmente comprensible. A iniciativa foi impulsada pola concellería de Economía e Facenda baseándose nos principios de transparencia, eficiencia e participación para que todos os veciños teñan acceso aos datos económicos da localidade.

Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda, foi a persoa encargada de presentar as melloras realizadas na aplicación, xunto co alcalde de Ames, Blas García, a interventora, a tesoureira municipal e persoal do departamento de Servizos Económicos. “A aplicación de Orzamentos Abertos permite ofrecerlle á veciñanza os datos económicos municipais dun xeito claro e conciso. Os datos económicos soen ser bastante complicados de entender, polo que a través desta aplicación o que se fai é mostralos dun xeito fácil e intuitivo”, explicou Otero.

Ademais, engadiu que “esta aplicación comezou a funcionar en 2017 e están cargados datos económicos dende 2014 ata 2021. Os datos de 2021 son provisionais”.

Pola súa parte, o alcalde, Blas García, agradeceu a presenza dos representantes das asociacións veciñais. “Agardo que poidades darlle traslado á veciñanza das melloras feitas nesta aplicación e tamén falarlles dela a todos e todas aqueles que non a coñezan. Trátase dunha ferramenta moi útil porque podedes ver en que se gastan os cartos que pagades nos impostos e tamén coñecer as fontes de ingreso que ten o Concello de Ames”, dixo. Posteriormente, agradeceu “o traballo feito polo persoal que traballa nos departamentos de Intervención e Tesourería, porque sen dito traballo os demais departamentos municipais non poderían funcionar”.

O rexedor tamén puxo en valor o traballo feito pola concelleira de Economía e Facenda “porque realiza unha tarefa pouco visible, pero imprescindible nunha administración local. Unha mostra da boa xestión económica foi a redución da débeda que se fixo durante os últimos anos”. Finalmente, sinalou que “a posta en marcha da aplicación de Orzamentos Abertos foi un compromiso do goberno municipal para ser un Concello máis aberto e transparente. Grazas a actuacións como esta o Concello afonda na mellora da transparencia e estase realizando un gran traballo, tal e como indica a plataforma Dyntra, na que se recolle que o Concello de Ames é o terceiro mellor valorado de Galicia en materia de transparencia”.

Unha das principais melloras foi a inclusión dun vídeo explicativo sobre o funcionamento da páxina web e as diferentes opcións dispoñibles. Ademais, actualizáronse e introducíronse novos datos económicos, divididos en cinco apartados: Visión global; Políticas concretas; Pagos e investimentos; O que ti achegas; e Que quere dicir...? O portal reflexa o percorrido dos impostos que pagan os veciños de Ames, tanto en impostos directos e taxas como en transferencias dos gobernos central e galego.

A veciñanza pode ver os ingresos e gastos do Concello orzamentados e executados; cales son as áreas nas que se gasta máis diñeiro; os pagos, os proveedores e as facturas correspondentes, e como se distribúe o diñeiro que aporta cada persoa. A páxina inclúe un glosario no que se explican diferentes termos, entre eles aforro neto, capacidade de financiamento e débeda viva.

Na aplicación inclúense información económica dende o exercicio de 2014 ata o de 2021; datos dos orzamentos, dereitos recoñecidos netos, obrigas recoñecidas netas e pago a proveedores. Pódense descargar en formato CSV e Excel.

EN QUE GASTA AMES O DIÑEIRO DOS VECIÑOS?

A día de hoxe, no vixente exercicio 2021 o Concello de Ames xa ingresou 18.904.940 euros dos 29.888.817 euros que prevía ingresar nos orzamentos municipais. Pola contra, executou 8.809.867 euros, o que polo momento dá un aforro neto de 9.941.750 euros, aínda que os datos son provisionais.

• En benestar comunitario, como a recollida e tratamento de residuos e a iluminación pública, Ames gastou máis de 2.700.000 euros.

• No caso da educación, destináronse xa case 2 millóns de euros, a maior parte dedicada á rede de comedores escolares.

• En Servizos Sociais, fomento do emprego e medio ambiente gastáronse 1.707.158 euros.

CANTO ACHEGAS AO ORZAMENTO DO CONCELLO?

1 O IBI é unha das maiores fontes de ingresos dos municipios. Aínda que o seu cálculo depende de varios factores, como ter algún tipo de bonificación, Ames prevé ingresar máis de 6.500.000 euros.

2 O imposto aos vehículos moi pequenos é de 16.41 euros; para os pequenos 44.30 euros; 93.52 euros para os coches medianos; e 125.45 e 168 euros para os vehículos grandes e moi grandes.

3 A taxa por ter un vao privado é dun mínimo de 13.51 euros. Se é comunitario, pode ascender ata máis de 140.

4 A taxa do lixo no medio urbano ten un custo de 75.79 euros. Con todo, no medio rural baixa ata os 37.90 euros.

27 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.