Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Adega premia o labor de Fernando Cobo polos seus estudos dos ríos

O colectivo ecoloxista entregará os seus galardóns Osíxeno e Dioxina no Pazo da Peregrina de Bertamiráns // O acto vaise celebrar o vindeiro 27 de marzo

Adega deu a coñecer o nome dos gañadores da 21 edición dos Premios Osíxeno e Dioxina que serán entregados nun acto que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o domingo, 27 de marzo, a unha e media da tarde.

Con estes galardóns Adega quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista. Este 2021 premia en positivo a loita fronte a invasión eólica, o estudo dos ecosistemas fluviais e a vitoria xudicial de APDR fronte Ence. Do lado negativo, destácanse as malas actitudes e accións contra o medio ambiente galego por parte da conselleira Ánxeles Vázquez e de Sogama.

Adega concede o Premio Osíxeno de Honra 2021a Fernando Cobo, profesor titular do departamento de Zooloxía da Universidade de Santiago e exdirector da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, polo seu excelente traballo ao fronte deste centro de investigación durante máis de 16 anos e a súa constancia no impulso de proxectos e estudos que contribuíron a coñecer máis e mellor os nosos ríos, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

Tamén é de destacar a súa actitude colaborativa co ecoloxismo galego ao que ten demostrado o seu apoio en multitude de ocasións, ademais de achegar de forma altruísta asesoramento técnico e datos científicos de importancia para o desenvolvemento de iniciativas como a ILP dos ríos de 2004, a defensa dos ríos fronte os grandes encoros e os vertidos, ou na promoción do voluntariado ambiental nos ecosistemas fluviais.

Dentro dos Premios Osíxeno 2021, a nivel individual o galardón é para Aranza González, presidenta da Asociación Aire Limpo nas Mariñas e secretaria da Comunidade de Montes Veciñais de Monte de Gato, pola súa actitude resiliente e mobilizadora fronte a invasión eólica das Terras do Mandeo e As Mariñas Coruñesas e, en xeral, de todo o rural galego. Con este galardón, Adega tamén quere recoñecer na persoa de Aranza o traballo que están a desenvolver as mulleres na defensa do territorio galego, nomeadamente na loita contra un modelo eólico inxusto e antiecolóxico.

O premio colectivo foi para a Asociación Para a Defensa da Ría (APDR), que en 2021 conqueriu unha importante vitoria xudicial para o futuro da ría de Pontevedra. APDR acadou sentenza favorable da Audiencia Nacional pola que se anula a prórroga extraordinaria que permitiría a ENCE permanecer en Lourizán até o ano 2073. Malia que a loita continúa, ao ter sido recorrido o fallo pola pasteira ante o Tribunal Supremo, a sentenza da Audiencia Nacional supón sen dúbida un dos máis importantes éxitos de APDR na súa longa loita na defensa da Ría de Pontevedra.

Adega tamén concedeu os Premios Dioxina 2021, que se entregan a persoas e colectivos que teñen protagonizado as accións ou actitudes máis nefastas para o medio ambiente galego durante 2021. Este ano Adega sinala á actual conselleira de Medio Ambiente da Xunta, Ánxeles Vázquez, por non respectar os órganos de participación pública e vetar a votación da moratoria eólica no Consello de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel e para o complexo de xestión de residuos de Sogama.

12 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.