Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O festival sonense contará coas instalacións máis completas de todas as edicións // O programa inclúe competicións de BMX, skate ou baile e múltiples exhibicións // O evento desenvolverase na zona portuaria os días 1, 2 e 3 de xullo TEXTO María Cano

Adrenalina e acción no regreso dos deportes ao Rompetiño

A organización do Rompetiño Jump vén de confirmar a programación completa da zona Skatepark do festival, que terá lugar na área portuaria de Porto do Son a primeira fin de semana de xullo. Comenzará o venres día 1 ás 16.00 horas, prolongándose ata o domingo ás 20.00 horas.

Ademais, os organizadores avanzaron que o Skatepark deste ano será o máis completo de todas as edicións celebradas, recuperando a configuración que deseñaron para a final do campionato de España de Scooter en 2019 que se celebrou na Cidade da Cultura, coas modificacións necesarias para as competicións que se levarán a cabo na localidade sonense.

A programación da sección deportiva do Rompetiño comezará o venres 1 de xullo a primeira hora da tarde con adestramentos libres de Skate e Bmx. “Estes adestramentos serán de vital importancia para os participantes nas probas da fin de semana, xa que poderán probar os seus trucos máis complicados e espectaculares no Skatepark da competición”, explican dende a organización do evento.

Tamén haberá exhibicións de Flatland ás 17.00, 18.00 e ás 19.00 horas. Trátase dunha modalidade de Bmx que consiste na realización de acrobacias en terreo plano, “de tal xeito que é unha especie de danza artística enriba da bici mesturado con Breakdance. Os trucos realízanse xirando a bicicleta e mantendo un equilibrio nunha variedade de posicións inesperadas”, apuntan ao respecto.

As actividades do Skatepark continuarán o sábado 2 de xullo con adestramentos de Bmx entre as 10.00 e as 14.00 horas. A partir das 16.00 horas arrancará a competición oficial, celebrándose as finais entre as 19.00 e as 20.00 horas. Completarán o programa previsto para a tarde unhas exhibicións de Flatland.

O domingo 3 de xullo será o día da celebración da Skate cup, con adestramentos pola mañá e competición oficial pola tarde. Como novidade para esta xornada, o festival da cultura urbana presenta un best trick de Scooter, onde os mellores deportistas galegos farán as delicias do público asistente ao finalizar as finais de Skate.

Segundo indicaron dende a organización, todas as probas terán categoría sub-14 dotadas con premios de roupa do patrocinador principal do festival: Rompiente Clothing. Para a categoría Pro, os premios en metálico serán de ata 500 euros para o campión de cada competición, galardóns ós que accederán os catro primeiros clasificados, aos que se lle sumará as prendas de RP, premio habitual no Rompetiño Jump.

Cómpre recordar que a zona de día do evento é gratuíta e, ademais de poder desfrutar das competicións do Skatepark, contará con encontros de baile, música en directo, exhibicións variadas, talleres para a rapazada, zona de restauración e tendas e outras competicións aínda por anunciar.

Resaltar que o festival sonense conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que xenera encontros en torno ao directo, e de Rompiente Clothing que, na súa aposta polo talento xoven, respalda ao Rompetiño como plataforma de lanzamento artístico sobre un marco e un escenario inigualable.

En canto ás entradas, dende este domingo, día 1 de maio, están á venda os bonos dun día que, de tal xeito que como os de dúas xornadas, poderán mercarse con ou sen camping. As persoas interesadas xa poden adquirilas na páxina web woutick.es.

É o festival por excelencia de Porto do Son e a súa xente agarda con ansia esta nova edición, despois dun ano en branco e outro marcado polas restricións. A comarca do Barbanza xa está preparada para vivir tres xornadas repletas de música de nivel, deporte de acción e cultura urbana.

01 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.