Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Adxudícanse no rural amesán 40 traballos en prol da seguridade viaria

Melloraranse as capas de rodaxe, faranse labores de pintado, limparanse gabias e adecentarase a sinalización // Invístense case 120.000 euros nestas actuacións

As once parroquias de Ames vanse beneficiar en materia de seguridade viaria dun novo proxecto do Concello dirixido ás infraestruturas do rural, que inclúe 40 actuacións en materia de sinalización, instalación de elementos de seguridade, pintado, mellora da capa de rodaxe e limpeza de gabias. A xunta de goberno local aprobou o día 22 de setembro a adxudicación da actuación á empresa SYR-AMG SL, por un importe total de 118.222 €, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.

A proposta para un proxecto de mellora da seguridade viaria para as parroquias de Ames foi a opción máis votada pola veciñanza nos orzamentos participativos de 2020, nos que o rural contaba cunha partida duns 120.000 euros. Estes resultados amosaron a necesidade de traballar para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade nas estradas das parroquias e lugares amesáns.

ACTUACIÓNS. O proxecto engloba unha serie de reformas nas once parroquias do concello. Agrón contará con sete melloras, como a colocación de dous espellos convexos, na Garea e na estrada Garea-Calo; a instalación de dous lombos de asno, en Arufe; un sinal de estrada sen saída, no Galiñeiro; dous treitos de barreiras de seguridade, en Sandar e na Garea; e a reparación de fochancas ao longo da citada parroquia.

No caso da Ameixenda, haberá catro actuacións, que inclúen o pintado de catro pasos de peóns en Cortegada e Quintáns e a colocación dun sinal de stop nesa mesma zona, ademais da execución de dous lombos de asno e a colocación de dous sinais de dirección na estrada que conecta a parroquia con Tapia.

Pola súa banda, á parroquia de Ames tocaranlle tres melloras, como un novo stop, no viario de Barouta a Pedrouzos; a colocación de 16 paneis en curva no viario do Lombao á Ameixenda; e un espello convexo en Pousada.

Na parroquia de Biduído actuarase en sete puntos, con seis novos pasos de peóns elevados en Raíces e nas estradas Casanova-Biduído de Abaixo e Biduído de Arriba- Ventín; un novo sinal de stop, na Agriña; a execución de dous lombos de asno, na estrada Fraíz-Costoia; e a colocación de catro sinais de límite de velocidade nas estradas Casanova-Biduído de Abaixo e Casanova-A Igrexa.

Por outra banda, en Bugallido executaranse cinco obras, que inclúen o pintado de nove pasos de peóns; a colocación de seis lombos de asno en Quistiláns, Guimaráns e na estrada Guimaráns-Biduído; e a instalación dun sinal de paso prioritario.

En Covas realizaranse tres proxectos. Pintarase a estrada Bertamiráns-O Lombao e sinalizaranse os pasos de peóns da mencionada vía, ademais do pintado dun novo paso para os peóns no propio lugar do Lombao.

Asemade, a parroquia de Lens contará cunha mellora no lugar do mesmo nome, no que se colocarán tres espellos convexos para o tráfico. A de Ortoño terá tres novas actuacións, como a execución de dous lombos de asno, en Lapido; a colocación dunha barreira de seguridade, no núcleo de O Instrumento, e tamén o pintado dun paso de peóns na zona de Ortoño.

Asimesmo, a estrada A Igrexa-Vilaverde, en Piñeiro, vai dispor de dúas actuacións, co adecentamento do seu firme e a limpeza das súas gabias, ademais da instalación de dous sinais de stop.

No caso da parroquia de Tapia, haberá catro melloras. Colocaranse dous sinais de dirección na estrada a Tapia; instalaranse dúas bandas sonoras no Galiñeiro; mellorarase a capa de rodaxe e limparanse as gabias da estrada á Ameixenda, e colocaranse alí dous sinais de curva perigosa e dous paneis direccionais en curva. Por último, en Trasmonte actuarase no lugar de Suevos, onde se aumentará o ancho da vía e se procederá á canalización de pluviais.

SEGURIDADE. O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “este investimento de preto de 120.000 euros, que permitirá mellorar a seguridade viaria nas once parroquias de Ames, é un compromiso que tiñamos adquirido coas asociacións veciñais do rural, a través dos orzamentos participativos”.

comarcas@elcorreogallego.es

09 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.