Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Agosto festeiro con artesanía, historia e moita música na Costa da Morte

Vimianzo acolleu no castelo un taller de olería // Fisterra viviu a Festa Folk na Fin do Camiño // Razo celebrou a Festa da Praia e en Malpica segue o Mercado Medieval

A Costa da Morte está a vivir o agosto máis festeiro, no que as propostas de lecer chegan a todos os recunchos e en múltiples formatos: artesanía, música galega, historia, arte, circo e xogos...

Este sábado, o Castelo de Vimianzo acolleu o taller Modela co barro: a olería de Buño nas túas mans, no que veciños e visitantes de todas as idades convertéronse en oleiros por un día, guiados polos profesionais do barro do Obradoiro Lista. Os participantes non só puideron coñecer as técnicas do moldeado en barro, senón que tamén deron forma ás súas propias pezas.

A actividade estivo enmarcada no programa Artesanía en vivo, que desenvolve o Concello vimiancés durante o verán. Desde o goberno local valoran moi positivamente a boa acollida de todas estas propostas culturais, sinalando que “son actividades que sempre teñen un público fiel, celebrándose ademais nun espazo único e moi especial”.

O seguinte taller será o vindeiro sábado, día 27 de agosto, baixo o lema Aprende a encadernar e coser con coiro. Comezará ás 11.00 horas e será impartido por Aspadex. As inscricións poden formalizarse na páxina web municipal (vimianzo.gal/turismo).

A fortaleza da capital de Soneira é tamén o espazo ideal para coñecer de preto a historia de Vimianzo a través de visitas teatralizadas. Este domingo, día 21, haberá dous pases: ás 12.30 e ás 17.00 horas. Os Quinquilláns darán vida a personaxes históricos que habitaron no castelo.

Continúa tamén a Semana da Cultura Urbana de Vimianzo co pintado de varios murais. Este domingo, na Praza do Concello celebrarase unha xornada de portas abertas na que se desenvolverán talleres de breakdance, DJ, rap, parkour, graffiti, estampación de camisetas e slackline (deporte de equilibrio que se practica cunha cinta en en tensión anclada en dous soportes fixos) entre as 18.00 e as 21.00 horas.

En Fisterra, o paseo de Anchoa foi escenario este sábado da XX Festa Folk na Fin do Camiño, no que ademais de gastronomía, os asistentes gozaron coa música de Rapacollóns Big Band, A Requinta da Laxeira, Luar na Lubre e Adhara & Ritmans, mentres en Carballo, na praia de Razo, desfrutaron dunha festa con 25 xogos diferentes, música, un obradoiro chef solar e actuacións circenses.

En Malpica seguirá aberto este domingo o Mercado Medieval Mariñeiro, de 11.00 a 22.00 horas, que porá o colofón tamén á Festa Galega.

21 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.