Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Ollos Pícaros é o negocio que ela mesma fundou para vender os deseños que estampa sobre prendas de roupa e accesorios // Para contactar hai que pasarse polos perfís de Instagram e Facebook // Os motivos que poden encargarse son personalizados e o cliente recibe un esbozo antes TEXTO Alba Prada

Alba, unha artista de Bertamiráns que crea á vez que coida dos seus pequenos

É certo que hai xente que sentenza cando non debería, pero tamén o é que hai verdades universais que nunca teñen que ser rebatidas. Unha delas é que poucas cousas hai máis meritorias ca unha nai que traballa dende a casa á vez que coida dos fillos, e de paso (como lle sobra tempo) consegue outro emprego fóra para axudar un pouco máis á economía familiar. E todo isto sen despeitearse (ou case). Seguramente ao lector lle veñan á cabeza máis dunha muller, pero esta reportaxe vaise centrar nun caso concreto: o de Alba Bermúdez, unha malpicá-pontecesá afincada en Bertamiráns dende hai xa dez anos.

Alba ten unha desas profesións que espertan interese, pois outra verdade universal é que o mundo da arte xera curiosidade. É unha desas afortunadas que albergan o don do debuxo, habilidade que se ve potenciada grazas a súa tamén envidiable creatividade. Dende ben pequena tivo claras as súas cualidades, e por iso non dubidou en enfocar a súa formación nesa dirección: estudou o Bacharelato de Arte e posteriormente cursou o ciclo superior en Xoiaría artística na Mestre Mateo de Santiago, e tamén fixo un ciclo superior de maquillaxe, caracterización e efectos especiais.

Hoxe, con constancia e moito traballo, logra compaxinar o seu negocio de artesanía Ollos Pícaros co seu posto como maquilladora (no pasado traballou en televisión) e esteticista no salón de peiteado Rosa Ferreira, en Negreira. E a isto hai que engadir o coidado dos seus pequenos Aira e Ander.

Ollos Pícaros é o bebé (con permiso das súas crianzas) desta artista de Bertamiráns. Supón a máxima expresión da súa creatividade, pois con este negocio Alba pon á venda os seus deseños estampados en tea. Todo vale: camisetas, zapatillas, pantalóns, chaquetas, bolsos, bolsas para a compra... E por suposto, o motivo escólleo o cliente. “Dende sempre decorei roupa ou caixas para facer regalos, e ao final decidín levar a miña afección ao mundo real”, conta a artista, que por certo, tamén fai xoias. Entre as temáticas que máis piden os seus clientes atópanse Harry Potter ou Star Wars, e as bases que aconsella para os seus debuxos son chaquetas ou zapatillas “posto que se lavan menos e polo tanto a duración é maior”, di.

“Ultimamente estanme pedindo moito bolsas para a compra ou neceseres pequenos para levar no bolso. Tamén, a parte da temática cinematográfica, abondan os motivos de Galicia”, conta. A través dos perfís de Instagram e Facebook de Ollos Pícaros pódese ver unha mostra dos seus deseños e facer os pedidos. Ela mesma se encarga a maioría das veces de mercar a prenda de roupa ou o accesorio sobre o que vai pintar.

Alba aproveita especialmente as noites para plasmar os deseños, o momento no que a casa está en calma e os nenos non a interrompen. Polas tardes, dedícase a crear o esbozo, que logo lle mostra ao cliente para que faga as modificacións que desexe. Emprega pintura de tea que coce coa calor da plancha e logo dálle unha imprimación para que a pintura repela a humidade. “A tea sobre a que pinto non puido ser lavada, mellor nova porque colle mellor a cor”, indica. Por suposto, despois pode lavarse con normalidade.

Como se puido intuír, a Alba quedaríanlle “libres” as mañás, xa que os nenos están no colexio e na gardaría, así que agora tamén traballa en Rosa Ferreira (na Avenida das Brañas de Negreira). Na súa cabina fai de todo a parte de maquillar: tratamentos faciais, lifting de pestañas, pestañas postizas pelo a pelo, manicura, pedicura, depilación...“Imos oganizar o vindeiro mes cursos de maquillaxe. A idea é que sexan grupos moi pequenos para poder centrarnos en cada alumno”, di. Para anotarse hai que chamar ao 618 631 705. Muller todo terreo como ningunha. Que o ritmo non pare!

30 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.