Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 18 agosto 2022
22:14
h

Alberto Varela, pregoeiro en Oroso na festa que ofrecerá mil quilos de troita

O presidente da Fegamp loubará o peixe nunha celebración chea de música ata o domingo

M. Outeiro

Oroso

Nada menos que unha tonelada de peixe degustarase na XXIV Festa da Troita de Oroso, celebración declarada de Interese Turístico de Galicia en 2009. E eses novecentos quilos largos vanse fritir nunha degustación popular gratuíta que adoita organizar o Concello na Alameda de Góis e nos vinteoito bares e restaurantes que teñen previsto colaborar nesta edición.

Foi o propio mandatario local orosán, Luis Rey Villaverde, quen confirmou nas últimas horas que o pregoeiro da vixésimo cuarta edición será o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que lerá o pregón o domingo ás 13.30 horas no centro neurálxico da festa na capital orosá: a Alameda de Góis.

No que atinxe ao programa de actividades, arrincará este venres ás 22.30 horas co Festival Oroso en Vivo, que inclúe a actuación das orquestras Panorama e Marbella. Xa na xornada do sábado, o campionato de pesca de adultos comezará ás 9.00 horas e ás 11.00 horas está prevista a inauguración da Feira de Artesanía na contorna da Praza de Isaac Díaz Pardo, lugar no que ás 11.30 horas está programada a celebración de varios obradoiros infantís.

Respecto da programación da tarde, ás 19.30 horas, actuarán a Asociación Folclórica Buxos Verdes e a Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre e ás 22.30 horas as orquestras Olympus e Miramar protagonizarán a segunda xornada do Festival Oroso en Vivo.

E xa en canto a última xornada, a do domingo, o campionato de pesca infantil desenvolverase entre as 9.30 e as 13.00 horas, mentres que ás 12.00 horas comezará a animación nas rúas coas charangas Os atrevidos e Os celtas. Ás 13.30 horas, ademais do pregón do presidente da Fegamp, está programada a entrega de premios e trofeos do campionato de pesca na Alameda de Góis e, a continuación, ás 14.15 horas, actuará a orquestra Costa Dorada na sesión vermú.

E pola tarde, ás 19.00 horas, comezará a verbena na Alameda de Góis coa actuación do grupo Leilía e a orquestra Costa Dorada.

Segundo informan dende o organismo autonómico encargado das distincións como festa de interese, Sigüeiro ten un coto de pesca moi concorrido durante a tempada de pesca e, desde o ano 1996, unha festa que enxalza a longa tradición troiteira da localidade. Cada segundo domingo de maio, salvo nos dous anos anteriores por mor da pandemia, ten lugar un concurso de pesca e degustación gratuíta de troitas que reúne a unhas 30.000 persoas. En torno a estes dous eixes desenvólvese un programa durante toda a fin de semana, con folclore, moita música e artesanía.

06 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.