Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Letras. Xela Arias xa ten unha praza en Carballo, como símbolo do compromiso coa cultura e a igualdade // A Festiletras do Couto xunta libros e concertos // En Ames os alumnos da escola de música e movemento gravaron un vídeo TEXTO M. L.

Aldeas e vilas, novos e maiores, todos defendendo a lingua nai

A festa das Letras Galegas xunta un ano máis a nenos e maiores, a aldeas e vilas na defensa e promoción da lingua nai. Un dos referentes desta celebración é a Festiletras que cada ano acolle a pequena aldea do Couto (Ponteceso), ata onde se achegou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para sumarse á presentación dun amplo e variado programa que terá continuidade no mes de setembro.

O luns, día 17, farase unha colocación de placas nas rúas do Couto e, pola tarde, a Casa da Muller acollerá unha presentación literaria sobre textos de Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas. Ademais presentarase un libro da poeta Fina Cousillas e a sede da Fundación Eduardo Pondal acollerá a entrega dos premios Literatas 2021. O programa pecharase cun concerto das artistas Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, que presentarán o álbum Aire.

Anxo Lorenzo asegurou que o Festiletras é unha cita consolidada e “unha marca sustentable que quere transformar o medio rural nun enclave seguro e de confianza”.

A poucos quilómetros, en Carballo, inaugurouse a Praza Xela Arias, situada entre a rúa Xirona e o Paseo do Anllóns. A concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, asegurou que este novo espazo pretende ser “un símbolo do compromiso coa cultura galega e coa promoción da nosa lingua, máximo expoñente e valor como comunidade”. O acto estivo presidido polo alcalde, Evencio Ferrero, que estivo acompañado tamén polo concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a artista local Rakele Cavallo, autora do mural pintado na praza.

Na vila de Cee, a casa da cultura acolleu o espectáculo Senlleiras, protagonizado por Pedro Brandariz, e o acto de entrega dos premios do XXX Concurso de Achegamento ó Libro, convocado pola Biblioteca Municipal Francisco Mayán.

En Lousame, reivindicaron a dedicatoria dun Día das Letras Galegas a Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Fixérono coa tradicional ofrenda floral diante do busto situado na cita parroquia. No acto participaron a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e os edís Ramón Martínez e José Antonio Ces.

Pola súa banda, os alumnos da Escola Municipal de Música e Movemento de Ames (EMMA), xunto coa profesora María del Carmen Giadáns e varios colaboradores, gravaron un vídeo que se pode ver na canle de Yotube do Concello, no que interpretan a Muiñeira de Santo Amaro.

En Negreira celebrarán o luns as Letras Gazafellas cun evento participativo e aberto no que se recitará e cantará. A cita é no local da AC Gazafellos do Val, a partir das 19.00 horas, e pecharase coa música de Minguante e un sorteo de produtos culturais galegos. E en Touro programaron para os días 21 e 28, ás 17.30 horas na casa da cultura, sendos encontros para que pequenos e maiores poidan contar e cantar coa Árbore das músicas (día21) e desfrutar do espectáculo O segredo do Tendal. (día 28), de Raquel Queizás.

O Concello de Ribeira, pola súa parte, vén de poñer en marcha o Concurso Literario Escolar das Letras Galegas, que este ano celebra a súa 29ª edición e que está destinado ao alumnado con idades comprendidas entre 7 e 13 anos. Haberá tres modalidades: poesía, prosa e banda deseñada, sendo a temática orixinal e libre, e en lingua galega. Hai de prazo para facer entrega das obras do 24 ó 28 de maio, no centro cultural Lustres Rivas. Establécense dúas categorías: unha para nenos de 7 a 10 anos e outra para os de 11 a 13. Os premios constarán de lotes de libros aos tres mellores traballos de cada categoría.

15 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.