Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Alegacións pola liña de evacuación do eólico de A Picota

As do Concello súmanse ás xa presentadas por veciños de Ames // Queren preservar a saúde

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo para someter a información pública o proxecto Liña aéreo-subterránea 220 kV SET PE A Picota 220 kV-SET colectora Nova, que afecta aos concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela. Dende o martes 23 de agosto e ata o luns 3 de outubro de 2022, o proxecto estivo en fase de envío de suxestións, achegas e opinións.

Cómpre lembrar que o pasado 14 de setembro se realizou unha xuntanza informativa sobre a liña para o parque eólico da Picota que atravesará os concellos de Mazaricos, Negreira, A Baña, Ames e Santiago de Compostela. Dita reunión informativa tivo lugar no local social de Tapia. Posteriormente puxéronse, a través da páxina web municipal, dous modelos para presentar alegacións: un impreso para alegacións de fincas particulares e outro de alegacións xerais sobre a liña eólica.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “tal e como informamos na xuntanza mantida cos veciños e veciñas afectados, o Concello de Ames vai estar do lado dos propietarios e imos traballar para que esta liña afecte o mínimo posible ás propiedades. Desde o Concello de Ames queremos trasladar a nosa preocupación ante o feito de que liñas deste estilo crucen de xeito indiscriminado o noso municipio, xa que é zona de paso para Santiago, polo que loitaremos para que o noso ceo non quede cuberto de cableado eléctrico, e que se respecte o noso espazo, ademais de preservar a saúde da veciñanza”.

O Concello de Ames presentou alegacións a dito proxecto no que se recollen oito puntos. “O primeiro atinxe á falta de prevención desta actuación no plan sectorial eólico, xa que se realizou unha consulta respecto ao que está actualmente en vigor en Galicia e resulta que a liña proxectada non se atopa prevista en dito plan sectorial”, din fontes municipais.

Neste mesmo punto tamén se sinala que “non se cumpren os criterios fundamentais para a ordenación dos tendidos eléctricos aéreos porque o percorrido da liña non se adapta á topografía nin xeomorfoloxía do terreo, dado que a traza non segue a orientación do parcelario, cruzando predios indiscriminadamente e sen valorar o efecto de segregación que xeran de facto os tendidos eléctricos”. No concello de Ames moitos dos terreos polos que discorre a traza están considerados de alta produción agraria, dado que están dentro da concentración parcelaria. Ademais, o itinerario da liña non segue en paralelo a traza das vías existentes, xerando unha nova vía de afección que secciona o territorio.

Por último, a traza proposta cruza no municipio varias liñas de alta e media tensión sen entroncar nelas nin dispoñerse en paralelo como esixen as directrices de ordenación do territorio.

Na segunda alegación alúdese ao fraccionamento dos parque eólicos da Picota I e II. “Dividen as súas instalacións en dous parque eólicos, cando en realidade constitúen unha mesma unidade de produción ao compartir elementos chave que non permiten o seu funcionamento por separado. Con iso o que se consegue é diluír os impactos ambientais do conxunto da infraestrutura industrial, xa que só se somete a exposición pública determinada parte do plan e de forma fraccionada, o que resta a participación da cidadanía na avaliación ambiental do conxunto”. apunta o goberno local.

CONCENTRACIÓN. Na terceira alegación atínxese á afección de terreos por incendios forestais. Pódese apreciar que algúns dos terreos sobre os que discorren as instalacións da liña son montes que sufriron incendios e están afectos á prohibición de cambio de uso recollido na Lei de montes de Galicia. A instalación dun novo tendido eléctrico de alta tensión significa un cambio de usos do monte. A cuarta refírese á afección de terreos de concentración parcelaria, xa que un gran número das parcelas son resultado de procedementos de concentración, polo que teñen a consideración de solo rústico de especial protección agropecuario.

Na quinta indícase que o PIA (proxecto de interese autonómico) en tramitación é dos non previstos, polo que haberá de axustarse ás directrices de ordenación do territorio e aos instrumentos de ordenación vixente. Por último, a sexta alegación alude á presunta utilidade pública e interese social do proxecto.

comarcas@elcorreogallego.es

06 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.