Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Alén: “O Camiño de Inverno impulsará o turismo en Lalín”

O trazado lalinense arrinca na ponte do Pedroso // Atravesa a vila e empata coa Vía da Prata no albergue de A Laxe

O Camiño de Inverno xurdiu como unha alternativa que aproveitaban algúns peregrinos no inverno para adentrarse por Galicia e chegar á catedral de Santiago, dadas as condicións de neve e altitude do Camiño Francés. É o único que pasa polas catro provincias galegas e tamén pasa por Lalín, sendo Lalín de Arriba a súa porta de entrada, agora rehabilitada grazas ás obras de acondicionamento enmarcadas na Estratexia Edusi Lalín Ssuma 21. Sobre ese Camiño de Inverno e o seu paso pola comarca de Deza fala o cronista de Lalín, Daniel González Alén, quen considera que esta ruta está chamada a ser “un camiño de moito interese turístico e económico para Lalín”

Foi no 2004 cando en Lalín se comezou a traballar no Camiño de Inverno. “Daquela, o entón concelleiro Román Rodríguez propúxonos sinalizar o camiño”, di Daniel. “O traballo xa ía adiantado no Concello de Rodeiro; o alcalde Eliseo Diéguez e o bibliotecario Pepe Carballo sinalaran o camiño dende o alto do Faro ata a ponte de Pedroso. Entón, o noso cometido era achegalo á vila de Lalín”. O resultado foi un camiño que arrinca na ponte do Pedroso, pasa pola vila e empata coa Vía da Prata no albergue de A Laxe.

O deseño deste trazado non era doado, xa que non había evidencias documentadas nin apuntamentos de ningún peregrino ao seu paso por Lalín. “Só se tiña coñecemento dun hospital de peregrinos que houbera en Rodeiro, desaparecido nos anos 60 ao lado da chamada ponte do Hospital. Tivemos que basearnos un pouco nos camiños antigos e, fundamentalmente, no enclave de Lalín de Arriba. Fora coto do mosteiro de Oseira e parámonos a mirar como chegaban os frades a estas terras da Galicia central”, explica.

O Camiño de Inverno tivo o recoñecemento oficial como ruta de peregrinación a Santiago no 2016. Nese intre empeza a ser coñecido e transitado polos peregrinos, grazas en boa medida á súa difusión en medios. Daniel, dí que “está chamado a ser un camiño de moito interese turístico e económico que pode ocupar un posto importante no número de peregrinos porque atravesa lugares dos máis fermosos da xeografía galega”. Neste senso, engade, “a iniciativa privada é fundamental para converter este Camiño de Inverno nun dos piares da comarca e do concello”.

04 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.