Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alianza para potenciar a riqueza patrimonial e o turismo sostíbel

Deputación e concellos da Barbanza firmaron onte o convenio de colaboración co que se materializa a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro

Aposta polo patrimonio arqueolóxico, posta en valor de recursos históricos, promoción do turismo cultural e de calidade e cooperación institucional son algúns dos eixos do convenio de colaboración co que se materializa a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro. O acordo foi asinado onte por representantes das cinco administracións locais implicadas nun acto no que participaron o presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Xosé Regueira.

Así, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García; o seu homólogo na Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; o de Rianxo, Adolfo Muíños; e Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso, e o vicepresidente e deputado de Turismo da entidade provincial, firmaron o acordo de colaboración polo que se formaliza o parque arqueolóxico co que se dá un paso definitivo para o impulso dunha iniciativa de especial interese patrimonial, cultural e turístico do territorio da Arousa Norte e a Barbanza.

No acto de sinatura, Regueira destacou que co convenio dáse un “impulso definitivo por un turismo sostíbel e de calidade, aproveitando recursos de especial interese para o territorio como é o seu riquísimo patrimonio que contribuirá a diversificar un destino coñecido por outros valores seguros como son as súas praias, a súa paisaxe ou a súa gastronomía”.

Ao respecto tamén se pronunciou o rexedor ribeirense, quen sinalou que “con este plan da Deputación imos conseguir que a Idade de Ferro se converta en ouro puro na nosa comarca”, mentres que José Ramón Romero resaltou o “patrimonio como valor engadido ao turismo na comarca do Barbanza” e fixo fincapé na colaboración institucional á hora de defender este proxecto.

Tamén o alcalde de Rianxo mostrou a súa satisfacción “por materializar o convenio e o impulso que supón á difusión e promoción dos monumentos castrexos da nosa comarca que queremos facer un dos eixos vertebradores do turismo cultural e histórico”, ao tempo que o responsábel pobrense consideraba que a iniciativa é “unha oportunidade para poñer en valor o patrimonio e dálo a coñecer á cidadanía”. No acto participou tamén o edil de Porto do Son, Juan Pouso, municipio que asume a primeira presidencia do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro.

O obxectivo da comunidade intermunicipal é, segundo se recolle no texto do convenio, a “posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente nos respectivos termos municipais, no marco das competencias propias que lle corresponden en materia de promoción económica, desenvolvemento territorial e turismo”. A xestión estará dirixida por un Consello de Dirección do que formarán parte dous representantes da Deputación e dous de cada unha das corporacións participantes. O acordo ten unha vixencia por catro anos, prorrogable a outros tantos.

Un proxecto que suporá a posta en valor de cinco monumentos castrexos da zona.

Protección, sinalización e posta en valor de cinco monumentos castrexos da comarca barbanzá

Porto do Son. No Parque da Idade de Ferro, o Castro de Isorna, no Concello de Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira, son algúns dos recursos dun proxecto que terá identidade propia coa posta en valor do patrimonio vinculado á Idade de Ferro.

Segundo indicaron dende a Deputación, o plan desenvolverá, entre outras, accións de protección e sinalización de recursos, deseño e realización de rutas ademais de implemantación de novas ferramentas para a súa difusión.

O vicepresidente do goberno provincial, Xosé Regueira, destacou durante o acto as similitudes con outros proxectos nos que a área de Turismo que dirixe está a traballar en colaboración directa cos concellos do territorio como son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre. “Contamos cun riquísimo patrimonio que é de especial interese neste tempo en que o sector ten que botar man de todas as ferramentas para recuperarse da crise provocada pola pandemia”, afirmou ao respecto.

Pola súa banda, o presidente da entidade coruñesa, Valentín González Formoso, subliñou que co acordo asinado onte, “a Deputación da Coruña suma forzas cos concellos Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo para facer do patrimonio arqueolóxico, histórico e etnográfico da comarca un atractivo máis para o turismo nunha comarca con múltiples e diversos atractivos”.

Cómpre salientar que estes monumentos que se porán en valor son uns dos lugares máis visitados polos turistas que se achegan á comarca da Barbanza durante os períodos estivais.

Entre eles atópase o Castro da Cidá, no concello de Ribeira. Xusto no extremo máis occidental da península da Barbanza, levántase un pequeno monte de máis de douscentos metros de altura desde o cal se pode obter unha das mellores panorámicas da entrada da bocana da Ría de Arousa e de gran parte do Parque Natural de Corrubedo, así como o seu pobo e o cabo que leva o seu nome. m. c.

11 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.