Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Mulleres de Seu festexou no Pazo da Peregrina amesán a efeméride das traballadoras do agro // A conselleira María Jesús Lorenzana lembrou a importancia que teñen de cara a fixar poboación fóra das urbes e de evitar o envellecemento TEXTO M. Outeiro

Alicerces en feminino para construír riqueza no rural

O Goberno de Galicia envorcouse co Día Internacional da Muller Rural, destacando o importante traballo que desempeña este colectivo en Galicia. En verbas da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, é preciso seguir apoiando e visibilizando o seu papel, ao ser esencial “para xerar riqueza ao territorio e diversificar a súa economía”. Así o puxo de manifesto no acto de clausura do I Foro Mulleres de Seu, celebrado no Pazo da Peregrina de Ames.

Lorenzana suliñou que as mulleres rurais son “imprescindibles” para afianzar a poboación e evitar o seu envellecemento, e para renovar e dotar ao rural de novas oportunidades e dun maior dinamismo. Para Lorenzana, as mulleres rurais “foron e seguen sendo as raíces que terman e cimentan o desenvolvemento sostible do noso territorio”. “Son o alicerce do noso sustento”, engadiu.

Hai que lembrar que o Día Internacional das Mulleres Rurais conmemórase este ano baixo o lema As mulleres rurais cultivan alimentos de calidade para todas as persoas co obxectivo de destacar o papel fundamental que desempeñan nos sitemas alimenticios de todo o mundo.

Neste senso, Lorenzana salientou que o número de mulleres titulares de explotacións na Comunidade galega supera o 50 %, o que, na súa opinión, demostra os avances conseguidos no camiño da igualdade de oportunidades e “o que aínda queda por facer para outorgar ás mulleres rurais o recoñecemento que verdadeiramente merecen”. Ao respecto, a titular de Emprego e Igualdade sinalou a necesidade de seguir impulsando máis opcións profesionais no rural galego e de mellorar as súas condicións laborais con apoios á conciliación e incentivando a corresponsabilidade en tarefas domésticas e no coidado de menores ou maiores do seo familiar.

Para Lorenzana é fundamental tamén apostar pola formación e por desenvolver actuacións que promovan o ascenso da muller a postos de toma de decisións na estrutura organizativa da cooperativa ou a empresa. E co fin de alcanzar estas metas, a Xunta traballa en programas que favorecen á muller rural, como son os proxectos financiados a través da Consellería de Medio Rural por valor de 250.000 euros para realizar accións de formación, prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero no rural; o programa Emega, con 3,2 millóns de euros este ano, para fomentar iniciativas empresariais constituídas e lideradas por mulleres; ou Aprol Economía Social que, con 3,3 millóns en 2021, fomenta o emprego en cooperativas e sociedades laborais con axudas de entre 6.000 e 16.500 euros no caso de tratarse de mulleres.

COLABORACIÓN. A conselleira tamén destacou a colaboración que ano tras ano desenvolve a Xunta coas federacións de asociacións de mulleres rurais, ás que destinou desde 2009 máis de 900.000 euros. A Xunta, ademais, conta con incentivos ao autoemprego, con axudas de 2.000 a 9.000 euros para mulleres, e desenvolve o programa Galicia Emprega Muller, no que investiu este ano 5 millóns de euros para mellorar a formación e apoiar a contratación de mulleres como colectivo prioritario de accións estratéxicas de cara a acadar a inserción laboral.

Para rematar, a titular do departamento autonómico tamén destacou o papel dos colectivos que traballan a favor da muller rural en Galicia, como é o caso de Mulleres de Seu, referente en Galicia e fóra da Comunidade autónoma, e lembrou que “a Xunta está e estará axudando á muller rural do hoxe e do mañá, sempre da man de accións con perspectiva feminina”.

16 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.