Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Álvaro Castro: o novo poeta arzuán con tan só 26 anos

‘Antología poética’ é o seu primeiro traballo, que xa está en Internet e nas librarías // A próxima obra vai collendo forma

Alvaro Castro Cajade. Animo aos lectores a quedarse con ese nome porque é sinónimo de xuventude, gañas e talento. Con tan só 26 anos este arzuán ten ás súas costas dúas carreiras universitarias: Dereito e Ciencias Políticas, que remata este ano. Ambas cursadas na Universidade de Santiago de Compostela, cidade que o acolle dende hai xa oito anos. Agora á súa formación suma un libro, concretamente un poemario titulado Antología poética. Unha obra, que en verbas do propio autor, comezou a fraguarse “cando cursaba o segundo ano de Dereito (2014-2015) escribindo cancións e, aínda que pareza moi tópico, o primeiro que elaborei foi unha canción de desamor”.

Seguiu coa afección pero decatouse de que a melodía non lle interesaba, senón que o foco estaba posto nas letras. “Foi nese momento cando me din conta de que estaba facendo en todo momento poesía”. Agora esas primeiras composicións están recompiladas e readaptadas na primeira parte deste poemario: Problemario. A segunda parte, Sentido sin sentido, comezou a elaborala en febreiro de 2020, xusto antes da pandemia e coincidindo cunha ruptura. “Aquí trato a confusión ou conxunto de emocións xeradas a partir dunha ruptura, que xa de por si xera bastantes emocións, e en pandemia. Quería tratar un pouco a viaxe que vivín”.

Antología Poética é unha publicación autoeditada a través de Círculo Rojo. “Miña nai quería darme unha sorpresa no Nadal pasado e falou con esta editorial de autoedición”, conta. Unha vía cada vez máis empregada por autores noveis e que supón unha boa maneira de que as obras non queden gardadas no escritorio do ordenador de por vida.

O libro pode atoparse xa en Internet e nalgunhas librarías. “Vai chegar a toda España e Latinoamerica”, di. De momento esta é a primeira entrevista que concede aos medios, pero a idea é comezar a promocionar a súa primeira obra a vindeira semana. “De momento teño previsto un directo a través de Instagram”, adianta. “Teño pensado tamén facer algunha presentación en Arzúa e en Santiago. Prefiro presenciais, pero terei que adaptarme e ver como organizarme neste sentido. Aínda estou falando coa editorial”.

Álvaro non perde o tempo, aínda acaba de recibir os exemplares impresos a semana pasada, pero xa ten unha vintena de páxinas avanzadas do seu seguinte proxecto. “O futuro libro chámase El tercero en discordia e desta vez teño pensado misturar poesía con narrativa e incluso empregar o galego nesta segunda parte”, revela.

O autor vaise centrar moi pronto en estudar oposicións e nun futuro, aínda que non viva dos seus libros, sempre serán a súa vía predilecta para escapar dos quefaceres diarios. “Seguirei escribindo a modo de hobby. Pásoo ben porque non teño presión e, polo tanto, líbrome de sufrir bloqueos”. É a forma que ten de expresar a creatividade que o caracterizou dende que era pequeno. E é que dende logo, escribir é máxico e terapéutico. Crear un universo da nada con lápis e papel, ou por dicilo de xeito más actualizado aínda que menos romántico, coa teclas dun ordenador, non deixa de ser catártico.

04 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.