Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Usuarios da entidade elaboran muros e esculturas en seis concellos cos artistas Óscar Aldonza, Mar Ramón, Tere Ramallo e Sokram // Fran Sieira dirixe un espectáculo de mulleres con diversidade funcional que acollerán Ribeira e Cambados TEXTO S. S.

Ambar activa o festival itinerante de arte inclusivo Mar Diverso

O vindeiro día seis de setembro cumpriranse corenta anos da posta en marcha na comarca do Barbanza da asociación de persoas con diversidade funcional Ambar. A estela do seu traballo no eido asistencial é hoxe un referente en Galicia. Durante estes corenta anos, a entidade ensanchou o camiño na defensa dos dereitos das persoas con diversidade funcional, rompendo barreiras e loitando pola súa inclusión social e laboral. Este venres, Ambar inicia un festival de arte inclusivo e patrimonio costeiro de carácter itinerante para festexar estas catro décadas de importantes avances, con actividades en diversos concellos.

O obxectivo dos actos programados é festexar eses logros con todas as persoas que os fixeron posibles, dun ou outro xeito, e visibilizar o seu traballo. Será, ademais, unha boa oportunidade para amosar nas rúas o talento e a creatividade das persoas con diversidade funcional.

Baixo o nome de Mar Diverso, o festival porá en valor o patrimonio mariñeiro a través de accións artísticas de persoas con diversidade funcional dentro da contorna costeira da ría de Arousa, vinculando así creación, inclusión e territorio.

Esta iniciativa está financiada polo GALP Ría de Arousa e contribúe á visión de futuro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo fomentando que toda a ría se vexa de maneira integrada de cara á dinamización do territorio.

Mar Diverso comezará este venres 22 na Praza de Fefiñáns de Cambados ás dez e media da noite cunha peza escénica dedicada á cultura mariñeira dirixida polo bailarín e coreógrafo Fran Sieira, que estivo traballando nos últimos meses co grupo de artes escénicas de Ambar, formado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e Mercedes Ríos, coñecidas polas performaces Elas e As paisaxes de Camille e galardoadas co premio Begoña Caamaño en 2021. Sieira foi un dos bailaríns que acompañou ó grupo Tanxugueiras no Benidorm Fest co tema Terra, que a piques estivo de representar a España en Eurovisión.

A peza escénica, segundo Sieira, “fala de mar, de brisa, de praia, de traballo e de lecer. Todos eses sentimentos que para min esperta a costa galega, que é marabillosa”.

Este espectáculo chegará tamén á Praza da Igrexa de Santa Uxía de Ribeira o venres 29 ás 22.30 horas.

O martes 26, ás 12.30 horas, presentarase un mural de gran formato deseñado por Sokram na fachada dunha construción do porto boirense de Escarabote, e cuxa temática son os areais. O mércores 27, tamén ás 12.30 horas, inaugurarase unha obra plástica elaborads con teas e dirixida por Tere Ramallo, no paseo da praia da Torre, en Rianxo.

O xoves 28, ás 12.30 horas, presentarase unha espectacular peza escultórica, elaborara en cerámica e dirixida pola artista plástica e ceramista de Ourense Mar Ramón, na praia das Salinas, na Illa de Arousa. Trátase dunha composición formada polas pezas que fixeron individualmente unhas 80 persoas.

Finalmente, o domingo 31, ás 12.30 horas, verá a luz outra peza escultórica, nesta ocasión dirixida por Óscar Aldonza (escultor e profesor da Escola de Artes Mestre Mateo), na praza de abastos da Pobra.

a protagonista
“Hai corenta anos iniciamos dende cero un longo camiño”
Milagros Rey
Presidenta de Ambar

A presidenta de Ambar, Milagros Rey, sinala que “Mar Diverso é un festival de artes escénicas e plásticas inclusivo que pon en valor o patrimonio mariñeiro a través de accións artísticas de persoas con diversidade funcional dentro da contorna costeira da ría de Arousa, vinculando así creación, inclusión e territorio. As propostas artísticas están vinculadas ó patrimonio material e inmaterial da ría de Arousa, tanto na creación como na exhibición que terá lugar nos diferentes espazos patrimoniais dese territorio”.

Milagros Rey tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que contribuíron a que Ambar sexa o que é hoxe, e lembrou que “hai corenta anos partimos de cero para percorrer un longo camiño, con moita ilusión e con moito traballo. Queda aínda moito por facer, pero farémolo todos xuntos”.

{ a letra pequena }
O territorio por escenario
Suso Souto

A LOITA iniciada hai corenta anos por Ambar na comarca do Barbanza para defender os dereitos das persoas con diversidade funcional, promovendo a súa autonomía, independencia e igualdade de oportunidades, segue a levarse a cabo de xeito transversal. A loita diaria de Ambar busca a plena inclusión social, laboral... e tamén cultural. E neste último eido cómpre destacar o seu obxectivo de apoderar ás persoas con diversidade funcional a través da expresión artística, algo para o que conta co firme e loable apoio de numerosos artistas da comarca. Agora, co festival Mar Diverso vai vincular a cultura tradicional mariñeira e ás persoas en risco de exclusión a través da arte, convertindo á súa vez o territorio nun escenario aberto.

22 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.