Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Usuarios da entidade colaboraron con Sokram nun mural en Boiro // O venres chega a Ribeira o espectáculo de danza que montaron con Fran Sieira TEXTO S. S.

Ambar provoca unha eclosión de arte inclusiva na comarca do Barbanza

O porto boirense de Escarabote foi este martes o escenario da inauguración da segunda peza plástica de Mar Diverso , o festival itinerante de arte inclusiva e patrimonio costeiro da asociación de persoas con diversidade funcional Ambar que financia o GALP Ría de Arousa.

O equipo de Vaciocero e o muralista Sokram foron os encargados de dirixir os traballos artísticos que levaron a cabo ca participación de usuarios e usuarias de dito colectivo, que demostraron a súa creatividade e o seu talento artístico.

Vaciocero é un equipo multidisciplinar que estivo traballando co grupo de arte de Ambar formado por Ramón, Elena, Mila, Miryam, Carmen, Sonia, Esperanza, Victor, Manola e Mónica. Xuntos fixeron coloridos módulos pictóricas con motivos mariños que, xuntos, deron lugar a unha escultura móbil.

Pola súa banda, o artista Sokram presentou o mural que compuxo co grupo de arte formado por Álex, Ángel, Dani, Domingo, Gonzalo, Juan, María Eugenia e Raquel nunha das fachadas do porto de Escarabote.

A peza simboliza as consecuencias do cambio climático, en concreto sobre os areais. Trátase dunha metáfora na que un reloxo de area vai engullindo á humanidade sobre un areal desértico. “É unha crítica sobre un sistema social pétreo que non quere cambiar, que non lle dá importancia e valor á diversidade natural. Unha porta á reflexión e á toma de conciencia sobre o tempo que nos queda”, explicou o muralista sobre o significado da obra.

Milagros Rey, presidenta de Ambar, amosouse moi ilusionada por conseguir levar esta obra de arte a Boiro. “Despois de corenta anos, xa era hora de plasmar unha pegada de Ambar aquí, en Escarabote, o meu lugar de nacemento”, sinalou Rey.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, deulle os parabéns a Ambar “pola labor que está a realizar e por formar un equipo tan dinámico”. “Para os boirenses é un orgullo que nos deixedes unha obra deste calibre; vai ser a protagonista nas fotos deste verán”, engadiu o rexedor.

A programación do festival Mar Diverso continúa este mércores ás 12.30 horas ca inauguración dunha obra plástica dirixida por Tere Ramallo no paseo da praia da Torre, en Rianxo. O xoves á mesma hora, presentarase a peza escultórica dirixida por Mar Ramón na praia das Salinas, na Illa de Arousa.

Asimesmo, o venres ás 22.30 horas porase en escena na Praza da Porta do Sol de Ribeira o espectáculo dirixido polo bailarín e coreógrafo Fran Sieira, que xa se estreou o venres pasado na Praza de Fefiñáns de Cambados. Sieira estivo traballando co grupo de artes escénicas de Ambar, formado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e Mercedes Ríos, coñecidas polas performaces Elas e As paisaxes de Camille e galardoadas co premio Begoña Caamaño no ano 2021.

Nestes últimos meses compuxeron unha peza escénica única que fala de costa e de mar e que nos transporta a través da arte, do movemento e da música ao que a elas lle inspira o lugar no que vivimos.

A programación de Mar Diverso (unha das actividades enmarcadas no corenta aniversario do colectivo) rematará o vindeiro domingo día 31 ás 12.30 horas coa presentación da peza escultórica dirixida polo artista Ócar Aldonza no mercado de abastos da Pobra do Caramiñal.

delegribeira@elcorreogallego.es

26 jul 2022 / 17:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.