Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ames aprobou un Orzamento que non recolle nin unha proposta da oposición

O goberno tripartito aposta polos servizos básicos, que segue a ser a área de maior gasto, cun 22% dos 28,7 millóns ós que ascenden as novas contas

A Corporación municipal de Ames aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2022, que ascende á cifra de 28.707.012 euros. Votaron a favor todos os membros do tripartito (PSdeG, BNG e Contigo Pódese), abstívose o edil de Ames Novo e amosaron a súa disconformidade coas contas PP e Ciudadanos, quenes denunciaron que non se tiveron en conta ningunha das súas propostas.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada, por parte do goberno municipal, de explicar o novo presuposto: “Este é un orzamento para a cidadanía amesá que medra e apuntala todos os servizos públicos e continúa co reforzo dos investimentos que nestes momentos é moi importante para dinamizar a economía local”. Ademais salientou que “neste exercicio a tarefa do Goberno municipal será executar os investimentos recollidos na EDUSI Impulsa Ames e no plan Ames Progresa durante este ano 2022, o que incrementará a partida de investimentos de Capitulo 6, que superará os 6 millóns de euros, cifra orzamentada inicialmente en 2021”. Tamén gabou “o esforzo que está facendo o Goberno central para inxectar fondos aos concellos, xa que as achegas do Estado permiten dispor de 639.000 euros para sufragar gasto corrente”.

As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.335.568,54 euros (22,07%); educación e conciliación con 5.242.367,79 euros (18,26%); e servizos sociais e promoción social con 2.556.653,37 euros (9%). Estas tres áreas supoñen o 49,33% do orzamento.

No orzamento de 2022 séguese a darlle prioridade a área de servizos básicos nos que se recollen novas actuacións e investimentos en rede de sumidoiros e abastecemento. Tamén se recolle o novo contrato de limpeza viaria con ampliación de zonas e frecuencias e coa posta en marcha do punto limpo móbil. Ademais, inclúese novas licitacións dos contratos de xardinería e para o mantemento de parques e xardíns, así como a continuidade do plan de mantemento do rural e o remate das actuacións de cambio de luminarias a led en todo o rural.

Ademais, continuase a reforzar e blindar os servizos da área de Educación. Nos dous últimos anos debido á pandemia da covid e á adecuación aos protocolos, houbo un notable incremento no gasto desta área. Deste xeito, refórzase e amplíanse os servizos de conciliación e porase en marcha a licitación do contrato de mantemento de centros educativos entre outras actuacións.

Continuase a prioriza co reforzo na contratación de persoal para a tramitación da Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar con melloras no servizo e ampliación de horas, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, a apertura dun novo local para maiores en Bertamiráns, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como o reforzo do novo servizo de atención temperá.

11 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.