Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ames buscará canles de colaboración co sector audiovisual do municipio

O goberno local quere traballar coas produtoras en futuros proxectos que poñan en valor a propia actividade e o concello

Ames quere aproveitar o bo momento que vive o sector audiovisual e colaborar con el tanto para fomentar a actividade como para poñer en valor o municipio. Por iso, o alcalde, Blas García, xunto coa concelleira de Promoción Económica e o edil de Urbanismo, reuníronse con representantes do sector que teñen empresas radicadas no concello nun primeiro intento de buscar canles de colaboración entre as partes.

Segundo manifestaron, o obxectivo desta reunión foi o de establecer un primeiro contacto para no futuro levar a cabo colaboracións que sexan beneficiosas tanto para os profesionais como para o propio concello.

Na xuntanza estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández e representantes das produtoras Zenit TV, Setemedia, Cinemar Filmans, Ficción Producciones e Produtora Mirabelle.

O encontro serviu para fixar o contacto e buscar vías de comunicación e colaboración entre este importante sector económico, puxante en Ames, e o goberno local, segundo fontes municipais.

Ademais, os representantes municipais informaron aos integrantes das produtoras da vindeira posta en marcha do coworking da localidade do Milladoiro, que estará enfocado ao sector audiovisual e tecnóloxico.

Na reunión aproveitouse tamén para analizar e traballar en futuros proxectos en común que sirvan para “poñer en valor tanto ao Concello de Ames como ao sector audiovisual que está implantado no noso municipio, e que se diversifica en varios ámbitos”, explicaron.

ACTIVIDADE EN PULO. “Resulta moi positivo realizar unha xuntanza cun sector que está en pulo no noso concello e que en moitos casos é refencia a nivel galego e tamén fóra do noso país”, manifestou o alcalde Blas García tralo encontro.

O rexedor amiense engadiu que esperaba que esta fose a primeira xuntanza de moitas: “Queremos establecer un contacto estreito e permanente de xeito que tanto nós como as produtoras poidamos favorecernos desta sinerxia”.

ESCENARIO. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, lembrou como Ames, desde a praza do Concello ata á Ponte Maceira, xa foi escenario de moitas rodaxes: “É un privilexio para o concello contar con tantos e tan bos profesionais do audiovisual, como tamén o é que grazas aos seus traballos Ames se coñeza un pouquiño máis alén das nosas fronteiras”, argumentou.

11 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.