Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ames mellorará as redes de comunicación do rural

O Concello pretende facilitar o acceso ás explotacións agrarias// Renovarase a drenaxe e os firmes da estrada, ademais de implementar medidas de seguridade viaria

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras do Camiño de Suevos a Miso e de Troitosende a Capela da Madalena dentro do marco do plan de mellora de camiños municipais e de acceso ás parcelas agrícolas da zona. As actuacións previstas no presente proxecto van encamiñadas á mellora da drenaxe, da seguranza viaria e reforzo de cunetas, así como á integración ambiental ou á implementación de nova sinalización. E ao mesmo tempo revirte no mantemento dos camiños municipais: tanto do firme existente como das súas marxes ou o reforzo dos terrapléns. Así pois as intervencións contarán cun orzamento de 46.894,76 euros e estarán realizadas en seis meses.

O alcalde de Ames, Blas García, fixo especial fincapé na “importancia de investir no rural con obras como estas nas que se melloran as comunicacións e ademais se facilita o acceso ás parcelas agrícolas”. Neste sentido, engadiu que “este goberno leva demostrando con feitos a súa aposta polo rural amesán, e seguiremos a realizar investimentos para que os veciños e veciñas se sintan orgullosos e orgullosas de vivir nas parroquias de Ames”.

características. As obras do camiño de Suevos a Miso iniciaranse cunha limpeza de gabias e a mellora da capa de rodaxe. No primeiro treito aplicarase un tratamento asfáltico superficial e un rego que selará toda a plataforma, previo amaño de fochancas e perfilado das diferentes mordentes existentes. O 12% da superficie da estrada repararase con pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo; e no segundo treito reporase o paquete de firme con quince centímetros de zahorra de canteira máis trinta centímetros de pedraplén. A zahorra é un material formado a base de rochas áridas desfeitas que se emplea como base de elemento construtivo. Mentres que o pedraplén é un material de construción que consiste na extensión e compactación de elementos pétreos procedentes de escavacións de roca. Este adoita estar formado por fragmentos de gran tamaño que chegan casi aos 900 mm.

Así mesmo, contémplase a execución de 75 m de formigón en pavimento para a formación de cuneta de seguridade, baixo a cal canalizarase cano de PEAD Ø315 mm máis a execución de 4 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais. Tamén dous treitos de gabias triangulares de formigón (19,50 m e 25 m), a canalización de 6 m de cano e de 40 cm de diámetro, e a execución de 1 arqueta e 1 embocadura para o cano, así como a colocación de 28 m de barreira de seguridade máis os abatementos.

As obras do camiño de Troitosende a Capela da Madalena comezan, tamén, coa limpeza das cunetas e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase no primeiro tramo un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes ó 15% da superficie con pedra 32/63 mm e tratamento asfáltico semiprofundo; e no segundo treito reporase o paquete de firme con quince centímetros de zahorra máis trinta de pedraplén. Finalmente colocarase unha sinal de stop e dúas zonas de barreira de seguridade con varios abatementos.

rural Ames é un concello que conta cunha gran presenza de zonas rurais, xa que quitando os núcleos do Milladoiro e Bertamiráns o resto son aldeas. Estas supoñen unha porcentaxe elevada da poboación total do termo municipal, xa que aportan ao concello preto de 9.000 habitantes. É por iso polo que dende o consistorio están a traballar para dotar de mellores infraestruturas ás zonas do rural, que neste caso son Suevos, Miso e Troitosende. A maiores e respecto a este último, o acondicionamento implementará melloras no seu enlace coa Capela da Madalena, sita na aldea de Ventosa.

27 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.