Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ames promociona a saúde levando o baile, combat e ioga ás prazas do concello

É a nova campaña municipal para fomentar hábitos de vida saudables // As accións diríxense a todas as idades

O departamento de Promoción da Saúde, en colaboración coa empresa BeOne, pon en marcha o novo programa Saúde nas prazas. A través deste proxecto preténdese achegar e fomentar hábitos de vida saúdables á veciñanza de Ames, de todas as idades, dun xeito lúdico e divertido para coidar a saúde física e emocional. As actividades, que se desenvolverán sempre no mesmo horario, ás 20.30 horas, comezaron onte luns, 5 de xullo, e rematarán o vindeiro 31 de agosto.

Baile na rúa, combat e ioga serán as actividades que se desenvolvan ás 20.30 horas, na Praza Horta de Arriba, na da Madalena, a de Chavián, no entorno da casa da cultura e no Pazo da Peregrina.

A nova campaña municipal foi presentada onte pola mañá pola concellería de Promoción da Saúde. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Carlos Amado, director do Complexo Deportivo da Piscina Municipal de A Telleira, e Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames.

No acto de presentación da campaña, a concelleira de Promoción da Saúde asegurou que “despois da boa acollida que tivo a experiencia do Desconfinamento Saudable o verán pasado, seguimos programando actividades ao aire libre pensadas para coidar a saúde física e emocional, tan importante, sempre, e máis nestes intres.

Con este tipo de actividades pretendemos seguir fomentando hábitos e estilos de vida saudables entre a nosa poboación e que mellor que iniciarse na actividade física dun xeito lúdico , divertido e ao aire libre. Temos que agradecer a colaboración da empresa BeOne, grazas á cal se fai posible esta actividade”, indicou Feijóo.

Pola súa banda, Carlos Amado explicou que, “desde BeOne, temos unha serie de actividades promocionando a saúde e sempre as facemos dentro das instalacións e, agora, é unha oportunidade para sacalas á rúa. Nós tiñamos un programa de dinamización social para facer no exterior, que tivemos que deixar de facer pola COVID, que queríamos retomar e, polo tanto, veunos moi ben colaborar con estas actividades do Concello”.

Ademais, recordou que “a actividade física e boa para quen a practica e nós queremos promover esa práctica dentro de distinto niveis, facilitar a todo o mundo a práctica de

actividade física”.

Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde, engadiu que “seguimos en marcha promocionando a saúde con esa ferramenta fundamental que temos que son as actividades de educación para a saúde. Estas deben englobar diferentes ámbitos (escolar, familiar e laboral) e diferentes idades”.

“Co programa Saúde nas Prazas facemos unhas actividades abertas para todos aqueles e aquelas que nese momento se encontren nas prazas e queiran participar sen compromiso, sexan pais, nais, nenos ou avós e avoas. Tratamos de pór un abano de actividades para todos e todas e calquera idade”, engadiu.

CURSOS NATACIÓN Por outra banda, 70 inscricións rexistrou a concellería de Deportes para as actividades e cursos nas piscinas descubertas, que se iniciaron o día 1 de xullo, das que 50 son para a piscina do Milladoiro e 20 para a de Bertamiráns. Os cursos impártense de luns a venres nas piscinas descubertas e están organizados en función da idade das/os participantes. Os máis madrugadores son os maiores de dez anos que comezan ás 11.15 horas.

06 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.