Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Milladoiro e Bertamiráns buscan consolidarse como zona clave dentro da peregrinación// O Concello pretende que a presencia da comarca nesta ruta sexa afianzada TEXTO Pedro Brea

Ames: punto neurálxico do Camiño de Santiago

Bertamiráns, en concreto a Praza da Maía, é o punto de partida do último tramo do Camiño da Ría Muros Noia. Este, que conxuga mar e montaña, ofrece a posibilidade de realizar unha peregrinación marítima, para o que hai que facer 90 millas náuticas e 10 km a pé. O Concello traballa no deseño dun tótem, para finais de ano, que marque o inicio da última etapa a pé dende a Praza da Maía, sita en Bertamiráns.

O Camiño da Ría de Muros e Noia foi declarado oficial o 15 de decembro de 2020 despois de tres anos de investigacións. Esta ruta xacobea, que permite combinar a navegación cun tramo a pé, conta dende entón coa mesma oficialidade que o Camiño Francés, o Portugués, o Inglés ou o Primitivo. O itinerario atravesa os municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Ames. Así pois, o concello convértese, polo tanto, na última etapa cara a capital de Galicia. Con esta ruta son tres os Camiños de Santiago que discorren por Ames: o Portugués, o de Fisterra e o recentemente oficializado de Muros e Noia. Deste xeito, polo termo municipal atravesan os peregrinos que escollan o Camiño Portugués para chegar a Compostela, aqueles que logo de visitar Santiago decidan continuar a viaxe ata Fisterra e os que se decanten polo itinerario que percorre a Ría da Estrela.

Tótem. O concelleiro de Turismo de Ames, Manuel Lens, anunciou a colocación dun tótem na Praza da Maía para sinalizar o punto de partida da etapa a pé do Camiño da Ría de Muros e Noia. Manifestou que “esta ruta é moi atractiva pois combina a Galicia costeira coa Galicia interior ofrecéndolle aos peregrinos o mellor da cada unha.” Tamén engadiu que “o Camiño da Ría de Muros Noia servirá, ademais, para poñer en valor ás aldeas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído polas que transcorre ata Santiago de Compostela”. Por outra banda, cabe destacar que a vila de Bertamiráns é o lugar idóneo para isto, xa que conta con tódolos servizos necesarios para poder suplir tódalas necesidades que lle poidan xurdir aos peregrinos durante o traxecto.

Bertamiráns. Son 12 os quilómetros que separan a Praza da Maía da Praza do Obradoiro, en Compostela. O camiño polo concello transcorre entre estradas locais e agradables paisaxes onde se alternan os bosques e os cultivos. O trazado entra no termo municipal pola aldea de Carballido para continuar polo lugar de Cantalarrana, dúas aldeas tras as cales se abre paso o núcleo de Bertamiráns. A praza da Maía alzarase como punto neurálxico do camiño coa colocación dun tótem a finais de ano. Dende esta praza a ruta lévanos cara a Condomiña para adentrarnos na parroquia de Ortoño, un lugar simbólico onde Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia. Na aldea da Tarroeira encontramos o domicilio da familia paterna da poeta e onde en 1923 se fundou o Seminario de Estudios Gallegos, lugar clave na historia da literatura maila lingua galega.

Peregrinos. Os primeiros visitantes non se fixeron agardar e o día 17 do pasado mes de xuño un grupo de xornalistas realizou esta ruta para vivir a experiencia e ao mesmo tempo dar conta aos seus lectores de todas e cada unha das xoias que agocha. Unha semana despois outro grupo de xornalistas achegouse a Bertamiráns para coñecer da man do alcalde, Blas García, do concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e do concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, todas as bondades deste camiño. Ademais, o pasado domingo 11 de xullo o concello recibiu unha peregrinación do Clube Náutico de Baiona. Un total de 25 embarcacións chegaron a Portosín (O Son) na xornada do sábado para parte delas continuar o domingo a xornada a pé que une Bertamiráns coa capital galega.

Por outra banda, o Concello está a levar a cabo a promoción da ruta, xa que o trazado do Camiño pola ría de Muros-Noia que percorre a área foi exposto na Feira Internacional do Turismo en Madrid a través dun vídeo que mostraba tódalas vantaxes desta alternativa.

Dende a concellaría de Turismo mantiveron, tamén, reunións con empresarios do sector turístico mailo do ámbito cultural, con asociacións de veciños e artesáns para potenciar e desenvolver actividades ao abeiro desta ruta. Ademais ao longo do curso os alumnos do CEIP Agro do Muíño traballaron as distintas rutas xacobeas para culminar realizando o tramo que discorre entre a aldea do Santo, en Ortoño, ata Compostela. Deste xeito, Ames conta cun terceiro camiño oficial que atravesa os seus lindes. Feito que sitúa á comarca amiense como unha das puntas de lanza neste tipo de turismo, o de peregrinación.

17 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.