Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Dende xuño, empregados do grupo empresarial uniranse a usuarios da entidade do Barbanza para retirar lixo mariño // O colectivo activou un proxecto formativo para potenciar con fins laborais o talento das persoas con discapacidade TEXTO S. S.

Amicos alíase con Vegalsa para limpar praias de Área este verán

Activismo no eido medioambiental e formación para avanzar na inserción laboral. Son os dous piares que sosteñen a intensa actividade que está a levar a cabo a asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos no Barbanza. E, para percorrer eses camiños, a entidade non está soa. Cada vez son máis as empresas que apoian as súas iniciativas a través dos seus programas de responsabilidade social corporativa.

A última firma en aliarse con Amicos é Vegalsa, ca que o colectivo firmou un convenio de colaboración para contribuír ás limpezas que se farán durante este verán (entre os meses de xuño e setembro) en varias praias de Área de Compostela.

A iniciativa enmárcase dentro do programa Re-Mar, un proxecto de custodia ambiental para a redución de residuos no espazo mariño protexido das Rías Baixas.

Esta colaboración pechouse no Palexco da Coruña, dentro da xornada RSE Diversxs. O resto é igual, organizada por Vegalsa-Eroski. Trátase do encontro anual de sensibilización social deste grupo empresarial, onde se poñen en valor o traballo das diferentes persoas que fan posible a Responsabilidade Social en Vegalsa-Eroski e o das entidades sociais coas que colaboran cada día.

Gabriela González, directora de Responsabilidad Social Empresarial (RSE) de Vegalsa, foi a encargada de firmar o convenio, e Ricardo Castro, xerente de área de Medio Ambiente do grupo, entregoulle a Xoán España, director xeral de Amicos, o cheque por importe de 8.000 euros para contribuír á financiación das actividades que se van organizar.

O equipo do grupo empresarial Vegalsa tamén participará na limpeza das praias xunto aos usuarios de dita entidade barbanzá.

EMPREGO PERSONALIZADO. Por outra banda, dende a área de Emprego de Amicos estanse a celebrar as II Xornadas de Emprego Personalizado, organizadas para facer fronte ás dificultades que se atopan as persoas con discapacidade á hora de acceder ó mercado laboral.

Neste caso trátase dun plan formativo financiado por Plena Inclusión e polo BBVA e que pon en valor o potencial e os talentos de todas as persoas con discapacidade, para poder facilitar a súa incorporación ó mercado laboral. Actualmente son once as persoas con discapacidade intelectual que participan no programa. Son seis mulleres e cinco homes dos concellos de Noia, Ribeira, Mazaricos, Boiro, Xeve (Pontevedra), Ames e Oroso.

O MOTOR DO CAMBIO. O director xeral de Amicos, Xoán España, dixo que “estamos moi agradecidos con todo o equipo de RSC de Vegalsa, xa que podemos seguir adiante co noso proxecto, no que a discapacidade se converte no motor de cambio para axudar á conservación do entorno natural e mariño”. Asimesmo, indicou que “xa levamos atendido a máis de 300 persoas dende a área de Emprego e este proxecto é unha suma máis. Suponnos un reto de transformación para as persoas con discapacidade. Temos que poñer encima da mesa o valor das persoas para que atopen un posto de traballo”.

“Queremos que os últimos sexan os primeiros e continuar sendo activistas do cambio”, expoñía finalmente o directivo da entidade.

o protagonista
“A inserción ten lagoas”
Xoán España
Director xeral de Amicos

Para Xoán España, director xeral da asociación Amicos, “a inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual presenta aínda moitas lagoas. Os índices de desemprego e inactividade dentro deste colectivo multiplican os de persoas con outras discapacidades e son considerablemente máis elevados que os das que non as teñen, chegando a duplicalos”.

“Cando se trata de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen máis necesidades de apoio,

é dicir, aquelas que xunto a esta discapacidade presentan trastornos da saúde mental, mobilidade reducida ou especiais alteracións da comunicación, a inclusión nos mercados

laborais abertos é case testemuñal”, indica. Neste sentido, explica que “en España hai actualmente unhas 63.000 persoas que necesitan apoios extensos ou xeneralizados”.

Con programa Emprego Personalizado, Amicos pretende atopar un emprego con apoio para as persoas que máis lles custa ter traballo. Por exemplo, ás que lles custa comunicarse.

“O posto de traballo non existe; invéntase para esa persoa, pero sempre achega valor á empresa ou á organización que lle contrata. Ten unha metodoloxía propia de traballo, é dicir, unha forma de facer as cousas moi concreta. Por exemplo: ten que ter un bo coñecemento da

comunidade, do barrio e das persoas que rodean á empresa ou a organización”, engade finalmente ó respecto.

{ a letra pequena }
Activismo
e inclusión
Suso Souto

SON MOITAS e exemplarizantes as iniciativas que leva posto en marcha ó longo da súa historia o colectivo Amicos para concienciar á sociedade sobre a necesidade de avanzar nunha inclusión social e laboral plena das persoas con discapacidade intelectual. Pero, sobre todo, son moitas as medidas que adoptou para facelo dende o activismo e a formación. Amicos ten, ademais, o mérito engadido de conseguir a cada paso que dá a implicación e a complicidade de numerosas empresas e administracións. O seu esforzo incansable por alcanzar retos que cada vez se marca con máis ambición está aínda por recoñecer debidamente. A sociedade barbanzá camiña por un sendeiro de inclusión xenerosamente pavimentado por Amicos.

31 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.